«A Fundación Azkar quere afondar no protocolo do deporte, aínda por explorar»

Beatriz Franco

LUGO

01 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Fundación Azkar organiza para este mes de xullo en Mondoñedo un seminario sobre protocolo deportivo, un tema non moi explorado do que fala o secretario destas xornadas, Alberte Fernández (Foz, 1961)

-¿En que consiste o protocolo no ámbito do deporte?

-Realmente pode chocar que no campo do deporte haxa un protocolo específico, que ás veces se contrapón co institucional. Dende a Fundación Azkar queremos abordar este tema porque esta organización pretende traballar no mundo do deporte dende diversos ámbitos, e deste xeito abordamos o tema da formación a través dun mundo misterioso como é o do protocolo deportivo.

-¿Cales son as pautas que segue?

-Trátase de emprazar ás institucións, por citar un exemplo, nunha comida institucional ou nun palco deportivo, onde conflúen autoridades políticas ou do mundo do deporte.

-¿Onde se vai desenvolver este seminario?

-Vai ter lugar en Mondoñedo os días 18, 19 e 20 e contaremos cuns poñentes de categoría, dos mellores expertos en España neste campo. Vai ser un tema moi novidoso e que vai causar impacto dentro do mundo do deporte porque hai carencia neste tema.

-Este é un tema do que se fala pouco ¿non?

-O protocolo deportivo é aínda unha materia pendente, así o vemos os que temos algo que ver co deporte e as relacións institucionais.