Esta ruta que une Biduedo con Sarria conta con un gran valor histórico e foi posta en valor recentemente
25 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Asistir ao renacer dun ente vivo é sempre ocasión gozosa, e este Camiño Real que agora se recupera, esclerotizado pola nugalla dos tempos, que discorre por marcos naturais incomparables e numerosos sitios históricos singulares, vaise converter de novo no que sempre foi: arteria vizosa e vivificadora.
Corga, verea, corredoira, carril, antiga calzada son moitos nomes para unha soa realidade, nomes para un vieiro que, baixando dende a serra seguía cara o Poñente brindando dunha a outra beira do xacobeo río de Sarria, vertebrando unha terras onde a acción conxunta de monxes e reis asentou un modo de vida en plena comunión coa Natureza. Río e camiño son sempre os mesmos e sempre diferentes.
Dende o Biduedo do Portomarín sanxoanista, por Vilar e a Vilabella, baixa o camiño ata o Burgo Novo de Triacastela, de fundación real e inicial presenza templaria, que supuxo a morte do Burgo Vello, de vencellos leoneses. Deixando atrás a vila hai que seguir por baixo das Penas Negras e por Pena Partida ata a Ponte de Almirón, e por San Cristovo de Río de Sarria, hoxe San Cristovo do Real, ese Val do Real de veigas verdes e muíños, que se fai ferreiro e logarítmico no Pazo de Lusío, fariñeiro en Renche, terra de arrieiro, agarimoso en Freituxe e Vila de Tres ata alcanzar Samos.
Samos suevo e fructuosiano nas orixes, mozárabe e europeizador baixo o doce e manso xugo da norma benedictina. Soubo renacer mil veces da nugalla, do esquecemento da norma santa e do furor destrutor das lapas. Samos tan universal nun espazo tan cativo.
Deixando atrás o mosteiro, o río faise ferreiro entre Foxos e a Ferrería, baixo do monte do Carballal, e é muiñeiro e serrranchín en Teiguín e pola Pontenova, Pascais e Gorolfe chega a Ponte da Veiga de Reiriz co seu santo de pedra, para seguindo por baixo dos soutos e carballeiras do Castro de Mondín entrar en Perros, co seu pazo recordador da insigne figura do Padre Sarmiento.
Por Barxa, onde se alzou o que foi grande mosteiro de San Salvador avanzan camiño e camiñantes polas veigas de Lier e de Barxelas en dirección a Frollais, deixando á beira a altamira de Castelo dos Infantes, e quedando á esquerda Pedrachantada, onde un fito marcaba a fin do Couto Samanego, éntrase na sarriá parroquia de Fafián, e pola foz das Aceas, onde o río se miraba nos muíños, caneiros e mazotes de Regueiro, do Conde e das dúas Aceas, por Veigadelo e a Ribeira dos Cucos alcanzamos o camiño Xacobeo na Ponte Ribeira, entrada a Vilanova de Sarria, fundación de Alfonso IX, como tamén o foron Triacastela, Portomarín, Melide e máis Arzúa.