A semana do comercio xusto

C. López

LUGO

Varias oenegés organizan dende o luns actividades de todo tipo para reivindicar un consumo responsable

03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Organizacións non gobernamentais como A Cova da Terra, Taller de Solidariedade, Axuda en Acción, Amigos da Terra e Solidariedade Internacional están detrás dunha serie de actos que se desenvolverán a partir do luns con motivo da semana do comercio xusto e que onte foron presentados por representantes destas organizacións e doutras entidades que colaboran nas actividades que se van levar a cabo.

Dúas destas actividades terán lugar no local da Cova da Terra. O luns, entre as cinco e as oito e media da tarde, haberá pases sucesivos do documental Café para todos , realizado por Axuda en Acción; mentres que o martes se celebrará un videoforum en torno ao documental Dispatches: the supermarket that's eating britain , sobre a cadea Tesco.

Nas cafeterías do campus

Entre os que se prestaron a colaborar para a celebración destes actos figuran dúas vicerreitorías da Universidade de Santiago: a de Cultura e a de Comunidade Universitaria e Compromiso Social. Así, o campus lugués sumarase ás actividades e para elo nas cafeterías das facultades de Ciencias, Empresas e Veterinaria e na da Escola Universitaria de Maxisterio poderase tomar café de comercio xusto, algo que, por outra banda, tamén se poderá facer na cafetería Pousadoiro, situada nas inmediacións do parque Rosalía, e no pub Candonga, de Campo Castelo.

Non obstante, non será a citada a única actividade prevista no campus de Lugo, xa que, durante toda a semana poderán ser visitadas as exposicións sobre comercio xusto e consumo responsable, que estarán instaladas nos vestíbulos das facultades de Ciencias e de Empresas. Ademais, crearanse varios «espazos xustos» en todo o campus para ofrecer información sobre este tipo de sistema comercial.

O día 10, acto central

O acto central da semana do comercio xusto terá lugar o vindeiro sábado, día 10. Nesa data, a praza Maior de Lugo converterase no gran mercado do comercio xusto, desde as once da mañá ata as oito e media da tarde. Haberá degustación de produtos ecolóxicos e de comercio xusto; xogos cooperativos; globoflexia; elaboración de paus de choiva; contacontos; e obradoiros de pintura de caras, de marcos de fotos feitos con café, da pegada ecolóxica e de xoguetes esquecidos. Para esta cita, os organizadores contarán coa presenza de dúas representantes dunha organización de comercio xusto de Filipinas.

Outro dos actos organizados pola Oficina de Cultura do campus ten que ver precisamente cos xoguetes, xa que o vindeiro sábado realizarán unha ruta para recoller materiais cos que elaborarán xoguetes. Os participantes, que aínda se poden apuntar, farán unha parada na praza Maior para disfrutar dun almorzo solidario.