Un rico indiano do Mato

Xaime López Arias

LUGO

O militar sarriao Pedro Díaz de Gozasen foi un acaudalado mineiro da cidade de Zacatecas (México). Chegou a ter en propiedade varias explotacións

09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Vaia por diante o recoñecemento do magnífico traballo das profesoras Pilar Cagigao Vila e Luisa J. Pazos Pazos, que coas súas investigacións sobre a emigración galega a Indias permiten que se coñeza a vida de numerosos galegos que mudaron de vida e de fortuna nas terras ultramarinas e as súas aportacións o desenvolvemento daquelas terras.

Polo contido do tomo IX volume 1, da Gran Historia de Galicia (2007) publicada por La Voz de Galicia, deron a coñecer a figura de Pedro Díaz de Gozasen, natural da parroquia sarriá de de San Salvador do Mato, un militar que foi dono de minas en Zacatecas (México). Con fidelidade ao contido do traballo e para engadir unha páxina máis ao coñecemento dos sarriaos destacados, vai aquí resumido o que sobre este indiano se di. «Chegou novo a Zacatecas seguindo a carreira militar iniciada en Madrid doce anos antes. Sábese que o seu primeiro destino na Nova España fora o castelo do porto de Campeche, onde estivo asentado durante seis anos.

Alí empezou a comerciar cos artigos que a demanda requiría, xa fora coma quincalleiro nos lugares establecidos ao redor das explotacións mineiras, ou como comerciante establecido nas diversas prazas e mercados da cidade. Cando logrou reunir un bon capital puido comprar minas que lle deron grandes beneficios. No seu testamento publicado aparecen ser súas. «La mina de Armados, María de Argüello y la Vetilla contigua a la de María, Cumbre que está en la veta grande, La Magna, la de Los Muertos, San Vicente y La Trinidad». Anos despois da súa morte os seus bens foron reclamados polos seus fillos e pola familia da súa tamén defunta esposa.

«A discusión entre herdeiros e familia política permite coñecer tamén que os rendementos das súas propiedades agrícolas e gandeiras eran grandes, gardando moita gra, así como moitos produtos e aparellos nos seus celeiros e sotos como resulta do reconto dos bens: 200 fanegas de máis, 8 arrobas de cebo, un tercio de chiles, 31 vigas de marca labradas, 32 en bruto sin labrar, 100 tablas en bruto y 32 canales en piedra, material moi valioso para un mineiro. Posuía un gran rancho con facenda cos animais necesarios para a explotación dos seus xacementos e onde tiña pastos, comedeiros e pías para atender a 100 burros, aparellos para 316 mulas e machos de tiro, 48 poldros, 30 cabalos, 30 eguas mansas e 10 vacas chichuguas (femias dos animais que estaba criando) coas súas crías. Nesta propiedade construíu unha capela engalanada con figuras de prata e con todo o ornamento necesario para os oficios relixiosos».

«A boa situación económica permitiulle disfrutar dunha casa situada no centro da cidade de Zacatecas. A construción era de dous pisos e reflectía a riqueza do seu propietario. O que se gardaba nesa casa tardou en ser inventariado máis de 3 días. Tiña unha grande cantidade de utensilios de prata».