Caixa Galicia programa un ciclo de films sobre trens

LUGO

02 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Para moitos especialistas na historia da sétima arte non hai mellor metáfora para expresar que é o cine que unha viaxe nun tren. Compoñentes como espazo e tempo, fundamentais á hora de narrar unha película, son tamén elementos propios dun traxecto ferroviario. Pero sen dúbida a maior confluencia entre os fotogramas e as vías do ferrocarril é o movemento e o punto de vista de espectador que ten unha proxección dun film e dunha viaxe en tren. Por iso, o cine, desde a súa propia orixe, tivo no ferrocarril un dos mellores aliados, ata o punto de xerar un subxénero cinematográfico.

A Fundación Caixa Galicia en Lugo decidiu ofrecer un abano representativo de obras que teñen como protagonistas ao tren e ás estacións. Son sete películas de diferentes épocas e estilos e que co paso do anos, algunhas, acabaron sendo clásicos.

O ciclo, todos os martes ás oito do serán e con entrada libre, comeza co pase de O derradeiro tren , dirixida no ano 2002 polo uruguaio Diego Ursuaga e cun reparto impagable: Federico Luppi, Pepe Soriano e Héctor Alterio. Trátase dun relato entrañable sobre a resistencia dun pobo frente a chegada dos cartos de Hollywood.

O martes día 11 proxectarase posiblemente a mellor película romántica da historia do cine, Breve encontro , dirixida en 1945 polo británico David Lean. É unha emotiva peza que serviu de inspiración a posteriores relatos do chamado cine de amor (ou desamor). O día 25 chega un clásico do Fritz Lang norteamericano, Desexos humanos (1954). Basada nunha novela de Emilie Zola e cunha versión francesa nos anos trinta do mestre Renoir, a película ten a forza e contundencia do mellor Lang.

O ciclo prosegue o 1 de abril coa película de trens por excelencia: Alarma no expreso , dirixida en 1938 por Alfred Hitchcock. Estamos ante un film de intriga internacional e para moitos unha peza de ensaio, xa que xunto con 39 escalóns serviu para que vinte anos despois o autor inglés fixera unha obra mestra como Coa morte nos talóns .

O 8 de abril poderase ver a checa Trens rigorosamente vixiados , de Jiri Menzel. Representou a finais dos anos sesenta un pouco de aire fresco no panorama do cine con influencia soviética. O 15 de abril chega a Caixa Galicia Perdición , dirixida en 1944 por Billy Wilder. Trátase dunha peza mestra do cine negro e a primeira obra grande do xenial Wilder. O ciclo rematará o 22 de abril con Vías cruzadas , premiada no 2003 no Festival Sundance.

Para aqueles que queiran seguir nas súas casas o ciclo sobre o tren no cine, non se esquezan de Estranos nun tren , A ponte sobre o río Kwai , O maquinista da General , O expreso de Shangai , Doctor Zhivago ou A besta humana .