O deseñador gráfico Xan Muras propón unha rara especie de insecto como emblema representativo da serra
03 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Un insecto dunha especie rara e escasísima, cuxo único hábitat coñecido no mundo está nas covas do Courel, é proposto como un símbolo representativo da serra polo fotógrafo e deseñador gráfico Xan Muras, nunha singular iniciativa que ata agora tivo unha difusión un tanto limitada aínda que xa data de hai bastante tempo. A silueta do escaravello Galaicodytes caurelensis , descuberto e descrito no ano 2000 polos biólogos José María Salgado e Vicente Ortuño, é utilizado como emblema nunha páxina web creada polo artista -no enderezo Serradocourel.com- e nunhas camisolas serigrafadas que se venden nalgúns establecementos comerciais do Courel e a través de Internet.
A idea de utilizar este insecto como imaxe representativa da serra xurdiu, segundo explica Xan Muras, despois de comprobar que O Courel, como outros territorios galegos, non ten unha simboloxía propia. «No Courel non hai grandes edificacións que poidan usarse como imaxe emblemática, nin petroglifos célebres ou outros motivos que representen a zona dun xeito inconfundible», sinala. «Quixen buscar unha imaxe cun contido potente e moi enraizado no lugar que non fose a dos típicos escudos municipais, que por outro lado acostuman ser horrorosos e baséanse moitas veces en erros e en datos históricos falsos», agrega.
O escaravello cavernícola pareceulle unha boa opción por diversos motivos. «O bichiño é unha especie exclusiva desa zona e os científicos que o descubriron déronlle o nome da serra. É unha figura que ofrece boas posibilidades gráficas e pode simbolizar a riqueza do patrimonio natural que é unha das principais características do Courel», comenta.
Posibles usos
O logotipo deseñado por Muras, di o seu autor, podería ser utilizado por outras persoas a condición, en principio, de que non sexa con fins comerciais. Segundo explica o deseñador, «se alguén está interesado en empregar este traballo, só ten que poñerse en contacto conmigo e explicarme para que o quere. Podería cedelo para iniciativas que axuden ao desenvolvemento do Courel e incluso habería a posibilidade de usalo para algunha iniciativa comercial, pero terían que ser cousas coas que eu estea de acordo. Non o cedería, por exemplo, para algo como as explotacións pizarreiras, que ao meu parecer están causando un dano moi grande ao medio ambiente», engade.
Cabe tamén a posibilidade de que a figura do Galaicodytes caurelensis sexa utilizada por outras persoas ou entidades para compoñer imaxes emblemáticas do Courel diferentes da deseñada por Muras. O autor do logotipo considera a este respecto que «o importante sería que a xente do Courel asumise este símbolo como algo propio, porque unha simboloxía ben enraizada e ben identificada pode ter un valor moi alto. Do que se trata é de que a xente do Courel se sinta orgullosa do sitio de onde é de todas as cousas que son propias e características dese lugar», agrega.