Sarria é considerada coma un reino da iniciativa privada

Xaime López Arias

LUGO

Os sarriaos teñen fama de emprendedores, o que non deixa en moi bon lugar os responsábeis políticos municipais

20 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Permítaseme agora que acaba de rematar o ano e que é momento de balances pescudar un pouco nas nosas esencias. ¿Qué é ser sarriao?. Esta pregunta daría para mil respostas, e con permiso da informática diremos que sarrio é quen naceu ou mora na vila luguesa de Sarria, onde se ten sentado como verdade inconmovible que está o denominado reino da iniciativa privada, dando así a entender que aquí ou se fan as cousas por libre ou non hai avance.

Malparados deixamos aos nosos munícipes e forzas vivas con esa prevaleza da iniciativa privada, pois ou os temos por meros contempladores ou por verdadeiros atrancos na marcha vento en popa do noso común destino.

Definiríamos pois a un sarriao como un optimista espécime defensor a ultranza da iniciativa privada.

Ata hai pouco podería ser esa a exacta definición dos habitantes desta comarca da Galicia profunda (xa se sabe que Sarria está nunha depresión) con tódolos seus defectos connaturais a esa presunta profundidade, como se en Vigo ou na Coruña fosen máis profundadores ca nós, e dicir, máis superficiais, que os termos pretendidamente sociolóxicos non son o Evanxelio e son poliédricos.

Visión

Rompendo con esa mítica visión da sarrianidade, froito da liberdade absoluta, veu a apearnos o descubrimento de que un sarriano ou xarrianu non é outra cousa que un Symphodus Melops ou un Symphodus SPP , peixe non moi común que tamén recibe os nomes de porredana, bodión, tor de mitja lluna ou serrán común.

É dicir que os sarrianos de terra adentro, temos na mar procelosa uns peixes que comparten nome connosco, o que cecais iso explique as veleidades de pescantín do inesquecible Durán que pasou toda a vida pescudando no río Sarria sen dar pillado un sarriano.

Bodiones, porredanes, sinónimos de sarrianos, ábrennos os ollos diante dunha realidade lonxana que por vía metafórica nos enfronta a unha dura realidade: ¡Bos peixes estamos feitos!

¿Non será esa chamada dos marítimos sarrianos o que guía as procelosas augas do noso curso vital como comunidade? Porque o que é difíciles na arte do goberno, e tamén orixinais e a contracorrente, vimos amosándonos de cote con alta cualificación, e ninguén dubida que non nos privamos de ensaiar iniciativas experimentais que fan que sexamos moi coñecidos á hora da pesca en augas revoltas.

Descoñezo cal é a verdadeira imaxe do Symphodus Melops , tocaio meu e veciño do ancho mar, mais unha vez que podamos ter unha representación súa, ben merecería facerlle un monumento na Praia do Chanto, ou cando dos ceos descenda e habite connosco, na agardada piscina climatizada, porque cecais non haxa mellor representación para definir a un sarriao que un peixe escurridío, escamoso e defensor da iniciativa privada.