Asinado o protocolo para poñer en marcha cinco parques de bombeiros

C. López

LUGO

O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu; o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os alcaldes de Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba e Viveiro asinaron onte un protocolo para a creación do Consorcio Provincial Contra Incendios, co que se pretende a homoxeneización das prestacións e das condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción en toda Galicia, e tamén prestar este servizo aos concellos da provincia lucense que non o teñen, asegurando así que a actuación nos municipios menores de vinte mil habitantes se realizará en condicións axeitadas. Deste xeito, o 87% da poboación de Lugo -uns 312.000 habitantes- recibirán asistencia ante as emerxencias en menos de media hora.

A Xunta e a Deputación financiarán ao cincuenta por cento tanto os custos da posta en funcionamento coma os gastos correntes e os custos da estrutura administrativa do citado consorcio; mentres que catro dos mencionados concellos cederán as parcelas para a construción dos parques de bombeiros, en tanto que en Barreiros se adecuarán as instalacións xa construídas. Procederase ademais a dotar de vehículos e equipamento a estes cinco parques, que prestarán o seu servizo aos concellos da súa comarca, aínda que tamén poderán atender emerxencias noutros lugares en casos especiais.

Méndez Romeu destacou que o protocolo asinado onte permitirá «implantar en Lugo un servizo de emerxencia de resposta inmediata e cuns estándares de calidade». Así, cada parque terá entre 15 e 20 bombeiros, equipados para actuar en caso de incendio, asolagamento ou excarceramento. Ademais, se ata agora só o 31% da poboación da provincia recibía resposta ante as emerxencias en menos de media hora, coa posta en marcha desta iniciativa prevese que o 68% poida ser asistida en menos de vinte minutos, e o 87% en menos de trinta.

Servizo especial na montaña

O conselleiro de Presidencia adiantou que o seu departamento está a preparar unha operación específica, que pretenden asinar antes do mes de abril, para garantir un servizo especial aos municipios de alta montaña.

O consorcio provincial ocuparase da xestión do conxunto destas instalacións. Neste sentido, Gómez Besteiro sinalou que se procurou «o que é mellor para todos», e que baixo as directrices deste consorcio se poderán «atender as necesidades alí onde se produzan, sendo máis eficaces e flexibles ante as continxencias».