O cambio de nome de varias das vías que cruzan o Concello ao longo dos anos ocasiona algunhas confusións
23 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A parte moderna de Sarria é froito da apertura das estradas do Mazadoiro a Lamarrigueira, de Sarria Portomarín e de Sarria a Samos, xunto coa estrada Nova, ou de Vilar de Sarria, ás que despois se engadiu unha rede de ruelas de pouca monta que non tiveran a altura de miras daqueles visionarios do sáculo XIX.
Estas estradas foron mudando de titularidade e denominación e na actualidade, duns anos para acó, recibiron novas identificacións.
Aparte da estrada de Nadela a Monforte, orixe da Sarria nova, tres son as estradas autonómicas que atravesan a vila de Sarria.
A estrada autonómica LU-633, denominada oficialmente de Pedrafita (N-VI) a Palas de Rei (N-547), cunha lonxitude de 84,37 Km. e que ten a súa orixe en Pedrafita, pasa polos concellos de Triacastela, Samos, Sarria, Paradela e Portomarín. Na vila de Sarria entra por O Polvoreiro (Fontao) onde está o punto kilométrico 48, segue pola aínda denominada Calvo Sotelo ata o cruce da Ciguñeira, onde xira a esquerda polo primeiro treito de Diego Pazos, estando o km 49 a carón do cruce da Avenida, atravesa un pequeno treito de Benigno Quiroga, e pola costa introdúcese en Marqués de Ugena, seguindo por Porvir, San Lázaro, ponte de San Lázaro ata o km 50 (antes do paso a nivel de Celeiro), seguindo polas parroquias de Maside, Ortoá, Meixente, Belante, Biville e A Pinza en dirección a Paradela e Portomarín.
Esta nova denominación absorbeu as das antigas estradas de Sarria a Samos, Samos a Pedrafita, e o da antiga estrada de Becerreá a Vendas de Narón entre o cruce da Ciguñeira e o límite municipal con Paradela.
A estrada autonómica LU-636, denominada oficialmente de Becerreá (N-VI) a Sarria (LU-546), ten unha lonxitude de 31,47 kilómetros.
A fixación kilométrica ten a súa orixe fronte a estación do ferrocarril de Sarria, segue por Calvo Sotelo ata o cruce da Ciguñeira, e xirando a esquerda continúa polo segundo treito de Diego Pazos (na que estaba o punto kilométrico 1), que recentemente desapareceu, ignorando os motivos e polo tanto interesa a súa reposición, e pola ponte do Caneiro, riba do río Sarria, segue por Vilar de Sarria, San Xulián da Veiga (polígono de O Morelle), Corvelle, Santo Antolín, Concello de Láncara e dirección a Becerreá onde remata.
Antigamente foi coñecida como estrada de Aranza, de Corvelle, de Sarria a Ribadeo, ou de Sarria a Ouviaño, na súa maior parte, acabou sendo a C-535 e os kilómetros contábanse con orixe en Becerreá en dirección a Vendas de Narón (Portomarín), de maneira que agora esa antiga denominación entre o cruce da Ciguñeira e Palas de Rei foi substituída pola LU-633, ademais a LU-633 ocupa o treito inicial da antiga estrada entre Sarria e Samos.