A asociación Lugopatrimonio elixiu o martes pola noite a súa primeira xunta directiva, dando por rematada así a súa etapa inicial na que funcionou cunha xestora. Na mesma asemblea tamén aprobou a programación para o próximo ano, que será moi intensa, na liña do traballo desenvolvido ata agora.
O escritor Lois Diéguez, que presidía a xestora, ocupará o mesmo cargo na directiva, o mesmo que o historiador Adolfo de Abel Vilela, que seguirá sendo vicepresidente. A xunta directiva complétana a secretaria, Tareixa Cabello de la Torre; o tesoureiro, Xosé Anxo Lence, e os vocais Sabela Rodríguez Campo, Orlando Viveiro Veiga e Carlos Ferreiro.
Un dos proxectos aprobados para o próximo ano e un calendario de traballo para conseguir que as consellerías correspondentes tramiten unha lei que defina unha nova figura do patrimonio galego que Lugopatrimonio identifica como Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico. Esta asociación tamén pretende colaborar estreitamente coas asociacións que organizan festas e ritos enraizados na cultura, como as Fachas de Castelo, en Taboada; o Oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón; o Meco e as Pampónigas, de Quiroga; o Entroido Ribeirao, de Chantada e as Danzas da Cervela, en O Incio.
Ademais, en xaneiro a asociación desenrolará o ciclo Coñecer as Nosas Cidades, con unha viaxe a Ourense para coñecer o traballo do escultor Arturo Baltar e facer un percorrido literario, incluído o na novela A Esmorga, de Blanco Amor. Previamente haberá dúas conferencias e proxeccións relacionadas coa provincia.