O Nadal chega aos museos

Cristina López

LUGO

Os catro centros da rede provincial desenvolverán actividades para toda a familia desde esta fin de semana

04 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Obradoiros de arqueoloxía, fotografía e gravado, así como un encontro interxeneracional, compoñen a programación de Nadal dos catro museos da rede provincial, que onte foi presentada.

Baixo a denominación xenérica de Deuses do pasado desenvolverase o obradoiro de arqueoloxía, dirixido a nenos de 9 a 13 anos e impartido polo arqueólogo Enrique Alcorta e a guía Lucía Dequidt. Como sinalaron na presentación, trátase de afondar no coñecemento da mitoloxía clásica e indíxena a través de mitos e lendas, cunha parte práctica consistente na elaboración dun altar. Logo da primeira experiencia levada a cabo a pasada fin de semana no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, centrada nos deuses da paz e da guerra, a vindeira cita será este sábado e domingo no Museo Provincial do Mar, dedicada aos deuses da auga. No Pazo de Tor, en Monforte, os protagonistas serán os deuses do campo e da montaña, celebrándose o obradoiro os días 15 e 16, e finalmente, no Museo Provincial de Lugo, será do 26 ao 28, centrado nos deuses da cidade.

O obradoiro de fotografía, pensado para nenos de catro a oito anos, correrá a cargo de Germán Limeres e Lina Iglesias e terá lugar do 26 ao 28 no Museo Provincial de Lugo, no que tamén se celebrará un obradoiro de gravado, impartido por Ignacio López. Será do 3 ao 5 de xaneiro e nel poden participar nenos de dez a 14 anos.

A última das actividades, da que deu conta a directora do Museo lucense, Encarna Lago, leva por nome Tirando do fío e con ela trátase de xuntar xeracións de nenos e de avós en torno a unha serie de pezas. Celebrarase o día 15 no Pazo de Tor; o 27 no Museo Provincial de Lugo; o 3 de xaneiro en San Paio de Narla e ao día seguinte no Museo do Mar. Tanto os nenos coma os avós que participen neste obradoiro recibirán un agasallo.

Por último, o día 27 terá lugar a presentación do número 12 da revista oral de periodicidade trimestral O Pazo das Musas , da que é responsable Antonio Reigosa.

Dado que as prazas son limitadas, a inscrición nestes obradoiros debe facerse canto antes no departamento de Didáctica do museo correspondente. Este ano a Rede Museística Provincial elixiu para ilustrar o seu programa de Nadal un detalle dun cartaz de Camilo Díaz Valiño cunha paisaxe típica do Cebreiro.

Antonio Veiga, delegado da Área de Cultura da Deputación, enmarcou estas actividades na aposta do seu departamento por descentralizar a oferta e levala a todos os museos, non só ao de Lugo, de xeito que ademais de centros de exposición, sexan lugares de participación. Así mesmo, destacou que se trata de actividades para toda a familia.