Unha obra irrepresentable

Cristina López

LUGO

«O público», de Federico García Lorca, é a primeira montaxe da compañía de teatro do campus lucense

19 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Non foi unha obra calquera a elixida pola recén creada compañía de teatro do campus de Lugo para a súa estrea nos escenarios. Cando unha noite a finais do ano 1930, Federico García Lorca lles leu a un grupo de amigos a súa obra O público , estes respondéronlle que era estupenda, pero irrepresentable. Algo que o propio autor recoñeceu: «Tienen razón, la obra es muy difícil y por el momento irrepresentable, pero dentro de diez o veinte años...».

Pasaron bastantes máis ata que a compañía de teatro do campus lugués decidiu que se ían inspirar nese texto de Lorca para a súa primeira montaxe, que xira arredor do ser humano e das diferentes máscaras que vai adquirindo. Trátase sen dúbida dunha importante aposta, non só polo feito de intentar achegar ao público unha obra que no seu tempo se cualificou de irrepresentable, senón porque para elo se empregou unha grande escenografía e unha non menos destacada montaxe audiovisual.

Todo iso puidose comprobar na última función deste grupo ata o de agora, celebrada na noite do mércores na Facultade de Veterinaria. Previamente a esta actuación houbo outras no Festival Internacional de Teatro Universitario, na Mostra de Teatro Cidade de Lugo, no Miteu de Ourense, onde ademais recibiron unha mención especial do xurado por atreverse con tan arriscada montaxe, e na Fatal de Lisboa.

Alumnos do taller

Esta compañía está integrada por alumnos seleccionados dentro do Taller de arte dramática, que no curso pasado tamén desenvolveu a súa propia montaxe: Km 526 , baseada no texto As costureiras , de Claudio Rodríguez Fer, sen esquecer que ao longo do ano leva a cabo outras actividades como performances ou teatro de rúa.

Detrás de todo este labor teatral está Paloma Lugilde, a ata agora directora dese taller, un cargo que abandona despois de catro anos, sen que iso signifique deixar de lado a súa vinculación a esta arte. O Taller de arte dramática é só unha pequena peza da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, que é á súa vez un dos catro espazos de formación que conforman a Área de Cultura do campus lugués.

Novo curso

A matrícula para o novo curso da Aula de Teatro está xa aberta. Mantense o Taller de arte dramática, aínda que nesta ocasión constará de dúas partes: unha dedicada á interpretación e outra á ficción. Tamén perdura o obradoiro de marionetas. En canto aos monográficos previstos para o 2007-2008, haberá varios, entre eles un dedicado á comedia da arte e outro sobre maquillaxe. Polo demais, a compañía de teatro empezará coa súa nova montaxe, que podería estar lista a finais de ano e coa que, de seguro, volverán sorprender.