Acontribución galega ás conmemoracións picassianas do ano 2006 foi moi limitada, especialmente se pensamos que foi na Coruña onde Picasso comezou a pintar. Por Europa adiante as celebracións marcaron unha época e iniciaron unha visión anovadora da obra do artista malagueño.
Na Albertina de Viena e no Museo de Budapest vin eu exposicións antolóxicas da obra gráfica e da obra pictórica e intervencións que, fóra de toda beatería picassiana, aportaron visións novas sobre aspectos fundamentais da creación en Picasso. Con todo, teño para min que os debuxos e as pinturas que Siro presenta nesta mostra que titula Desde Picasso e que se pode ver na Deputación de Lugo, van quedar como unha homenaxe de referencia. Son os mil rostros de Picasso, porque Picasso non foi un pintor, senón toda a historia da pintura. Aquí están mil rostros de Picasso, non todos, por máis que Siro, coa técnica perfecta que el domina, co poder de adiviñación que a súa intuición lle presta, non nolos mostre todos, pero sinala un camiño: o de non ver a Picasso como unha persoa, senón como a efervescencia de moitos eu disconformes, nun bulir de artistas baixo unha aparencia, só aparencia, individual. Siro xogou cunha realidade: Picasso. E Picasso está diverso, fuxidío, en todos os debuxos e pinturas da serie na que aparece como protagonista. Unha liña menos nestes espléndidos debuxos impediríanos recoñecer a este pintor, Picasso, que é o correlato plástico das ideas de Pessoa: un pintor que loitou por deixar agromar todas as personalidades que nel había.