Propoñen en Tor un centro para documentos históricos

LUGO

TextoO deterioro, a perda e a destrución de documentos antigos gardados por particulares é un grave problema cultural para o que hai que buscar unha solución canto antes, en opinión dos directivos da Irmandade da Ribeira Sacra. Esta asociación quere propor unha iniciativa para pór a salvo esta documentación e achegarlla aos historiadores e investigadores, que consistiría en crear un centro arquivístico local. E un lugar axeitado para cumprir esta función, ao seu parecer, sería o pazo monfortino de Tor, para o que a Deputación está estudando actualmente posibles novos usos.

O secretario da Irmandade da Ribeira Sacra, Francisco Ruiz de Aldereguía, sinala que a asociación intentará promover en breve prazo este proxecto, buscando o apoio de diversos organismos. «O que queremos é que non se sigan perdendo documentos antigos de todo tipo que se gardan en moitas casas en malas condicións e que ás veces incluso se queiman ou se botan ao lixo porque os donos non saben que facer con eles», explica. «Coñecemos bastantes casos deste tipo no sur lucense e sabemos que nalgunha ocasión se perderon materiais de considerable valor histórico, documentos e libros que poderían datarse incluso no século XV», engade.

Propiedade

Apunta Ruiz que outras persoas que posúen documentos desta clase non queren desprenderse deles por pensar que poderían sacar proveito da súa venda. «Habería que explicar á xente que eses papeis teñen valor para os historiadores, pero que é difícil que teñan un valor económico importante e que o mellor é conservalos nun sitio adecuado para que os especialistas poidan estudalos», di a este respecto. «Os donos deses documentos non terían que renunciar á súa propiedade, xa que tamén poden cedelos para a súa conservación sen que lles deixen de pertencer», agrega.

A asociación xa leva tempo barallando esta proxecto, pero a idea de instalar un centro deste tipo en Tor é moito máis recente. «Como vimos que a Deputación aínda non sabe moi ben que facer co pazo, nós pensamos que unha parte das súas dependencias podería aproveitarse para esta finalidade», explica Francisco Ruiz.

En canto ao espazo xeográfico que podería abranxer este centro documental, a Irmandade da Ribeira Sacra conformaríase con que cubrise o ámbito da comarca de Lemos, aínda que considera necesario tomar medidas similares nas demáis comarcas do sur lucense e tamén no resto de Galicia. Por agora, a asociación non presentou a súa idea aos responsables da Deputación, aínda que xa houbo algún contacto co Concello de Monforte por este motivo.