O continuo renacer dos castros lugueses

Cristina López

LUGO

A Xunta inviste máis de 80.000 euros en actuacións nunha decena de xacementos

16 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao longo deste ano están a ter continuidade as actuacións de adecuación e posta en valor dun grupo de castros lugueses, que teñen en común o carácter monumental das súas defensas e arquitectura. Trátase en xeral de poboados situados en lugares privilexiados e que son verdadeiros fitos comarcais. Os xacementos están espallados por toda a provincia e son representativos dos diversos tipos que caracterizan a cultura castrexa nestas terras. O obxecto deste programa de actuacións é a protección e promoción dunha parte fundamental do patrimonio histórico galego. Trátase, en definitiva, de achegar á sociedade os poboados castrexos máis sobresaíntes, que por diversas razóns se converteron en lugares inaccesibles.

Con estes obxectivos continuaron os traballos de limpeza de varios castros da provincia -As Grobas (Ribadeo), Augasantas (Palas de Rei), Formigueiros (Samos)- e nun curto prazo están previstas novas actuacións, como a mellora dos accesos e a sinalización. Tamén se realizaron traballos de consolidación e mantemento dos restos arquitectónicos dos castros de Fazouro (Foz) e Santa María (Cervantes).

Xunto aos traballos de adecuación dos xacementos, leváronse a cabo varios proxectos arqueolóxicos dirixidos á investigación e posta en valor. No castro de Zoñán financiouse a ampliación da escavación arqueolóxica promovida polo Concello de Mondoñedo, con interesantes resultados sobre a organización interna do poboado. No coñecido castro de Viladonga, coa colaboración dos voluntarios dun campo de traballo promovido pola Vicepresidencia para a Igualdade e o Benestar, ampliouse a zona escavada, centrándose os esforzos na investigación da entrada orixinal. Tamén coa mesma fórmula dos campos de traballo interveuse nos castros de Formigueiros e Augasantas. Neste último fixéronse varias catas que ofreceron valiosa información sobre a época do poboado e sobre a súa muralla e arquitectura doméstica.

Achádegos

No castro de Formigueiros o campo de traballo desenvolveuse durante todo o mes de agosto, cunha primeira quenda de mozos de diferentes países. Os resultados foron de extraordinario interese, superando todas as expectativas, segundo puxeron de manifesto dende a Consellería de Cultura. A escavación na muralla permitiu descubrir o paramento interior, de cachotaría de lousa de gran calidade, con recheo do mesmo material, e as escaleiras de acceso, que conservaban varios chanzos. Considerando a cantidade de pedra do derrube existente e a altura conservada neste punto, duns tres metros, é moi probable que a muralla orixinal acadara os cinco ou seis metros de altura na faciana interior, e os oito ou nove metros ata o fondo do primeiro foxo. Asemade traballouse no interior da croa, exhumándose case totalmente tres casas, dúas de planta rectangular e outra do mesmo tipo cun engadido circular.

Neste castro situado en Samos chama a atención o bo estado de conservación e a calidade dos paramentos, e a amplitude dos espazos habitacionais. Entre as construcións hai unha calexa e praciña cun pavimento de grandes lousas. A calexa remata nunhas escaleiras, que servirían de acceso á segunda planta ou faiado dunha das vivendas. A praza ou patio aparece franqueada por un gran banco e outros dous de pequenas dimensións, formando un conxunto de notable interese.

Os primeiros resultados destas actuacións vense plasmados nunha reportaxe de fotografías aéreas, onde pode apreciarse a magnitude e monumentalidade das murallas e sistemas defensivos, así como o interese da arquitectura interior e o carácter privilexiado dos emprazamentos. De forma complementaria, os levantamentos topográficos dos castros de Augasantas e Formigueiros permitiron a realización de imaxes tridimensionais, que axudan a comprender o esforzo defensivo levado a cabo polos antigos poboadores.