Debuxo picassiano de Siro

Lucía R. Insua

LUGO

O artista plástico inaugura mañá no Museo Provincial unha mostra na que homenaxea ao pintor malagueño

12 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Con motivo do cento vintecinco aniversario do nacemento de Pablo Picasso (Málaga, 1881-Francia, 1973), o prolífico artista plástico Siro López ideou unha orixinal mostra de debuxos que mañá chegará ao Museo Provincial de Lugo, baixo o título «Desde Picasso». Na inauguración, que comenzará ás 20.00 horas e terá lugar na sala de exposicións, participarán, ademais do autor, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o deputado delegado da área de Cultura e Deportes, Antón Veiga.

Uns corenta óleos, témperas e ilustracións a tinta artellan a homenaxe que o debuxante ferrolán rende ao que considera «o artista máis libre que existiu nunca». Neste sentido, a exposición está deseñada en torno a dúas perspectivas. Na primeira delas, preséntanse varias obras que tiveron como punto de partida un retrato real do célebre pintor, debuxante e escultor nacido en Málaga.

«Picasso foi libérrimo e audaz como ningún outro artista na historia da arte ao permitirse coller o rostro dun home, dun touro, dun neno, dun cabalo..., para retorcelos e transformalos moitísimo, case ata o extremo», explicou Siro. «Eu xoguei a imitalo, facendo xogos picassianos co seu rostro. Pero desde o debuxo máis realista ao máis disparatado, en todos eles se recoñece perfectamente que segue sendo Picasso», continuou.

Influencia en traballos

O debuxante galego, que durante varias décadas traballou como humorista gráfico en La Voz de Galicia, recoñece as portas e camiños que abriu Picasso aos que viñeron despois, pese a non ser o seu artista favorito.

«Pola forza, vitalidade e atrevemento das súas obras é un dos tres ou catro debuxantes máis importantes de todos os tempos. E aínda que non é o que máis admiro, é xusto recoñecer que eu non faría o que fago de non ser por el», indicou o ilustrador. Por esta razón, Siro deseñou a segunda parte da mostra a partir dunha selección de traballos propios, nos que se aprecia a influencia que ao longo da súa traxectoria tivo nel o xenial artista malagueño.

É a segunda vez que Siro López exporá unha mostra das súas obras na institución provincial lucense. Na primeira, a mediados dos anos oitenta, presentou unha serie de debuxos feitos con tinta china, entre os que se encontraban algunhas ilustracións feitas ao escritor lucense Celestino Fernández de la Vega.

Ao longo do ano 2006, a mostra do caricaturista ferrolán estivo aberta ao público na Galería Sargadelos de Barcelona.