Un proxecto de estudo de plantas pouco comúns

La Voz

LUGO

O equipo científico que dirixe Javier Guitián xa está planificando un novo proxecto de investigación na montaña lucense -independente do seu estudo sobre os soutos- para o que buscará financiamento nos próximos meses. Nesta ocasión tratarase de averiguar as carecterísticas biolóxicas e o estado de conservación en que se encontran as poboacións locais de varias especies de plantas pouco comúns, das que actualmente non se sabe case nada.

Segundo explica Guitián, «a idea básica é analizar a bioloxía reprodutiva dalgunhas especies vexetais, como a Campanula adsurgens e a Cardamine gallaecica , que son case exclusivas do Courel, Os Ancares e a comarca berciana. Estas especies figuran nos catálogos galego e español de especies ameazadas, pero sabemos moi pouco acerca delas», agrega. O biólogo espera conseguir para este novo proxecto o apoio económico da Xunta, que tamén financia a actual investigación sobre os soutos.

Estación biolóxica

Por outro lado, Javier Guitián continúa á espera de que o Goberno galego e a Universidade de Santiago asinen o convenio para a creación da estación biolóxica do Courel. O texto do acordo xa estaba redactado a comezos de agosto, pero aínda non foi definitivamente formalizado a causa do período vacacional. Unha vez asinado o documento, poderase proceder á contratación das obras deste centro de investigación científica proxectado xa hai máis de seis anos e que ata agora non puido ser construído por causa das dificultades que houbo para conseguir financiamento. Cando a estación se encontre finalmente en servizo, apunta Guitián, poderanse realizar na serras do Courel e dos Ancares moitas máis investigacións científicas que as que se levan a cabo na actualidade.