Pese a abundancia de vexetación en Galicia para os ramoneadores, e as subvencións que concede agora a Xunta para favorecer o silvopastoralismo, gandeiros e a súa asociación Ovica recoñecen que non é doado sumar xente nova á actividade. «O de pastor é un oficio con pouca consideración social, pese a que se poden facer cartos, e hai propietarios que aportan casa e bos xornais; moitos rapaces prefiren meterse a camareiros con moitas horas ao día tras dunha barra», explica Vítor Otero, enxeñeiro de Ovica que tamén xestiona a viaxe a Galicia de varios esquiladores polacos, para rapar as ovellas. Otero di que a rendibilidade do pastoreo depende moito da base territorial dispoñible.
O relevo xeracional é un problema preocupante nesta actividade, que será abordado no vindeiro Encontro Mundial de Pastores Nómadas e Tashumantes que se celebrará entre o 8 e o 16 de setembro en La Granja (Segovia). Pastores das comarcas de Picos de Europa (Oriente de Asturias), montaña de Navarra, serras de Albarracín e Maestrazgo (Teruel) e serra norte de Madrid, puxeron en marcha dentro do Leader Plus, unha estratexia de revitalización, para favorecer a instalación de novos pastores. As escolas de pastores de Picos, País Vasco, Pirineo Aragonés e Francia teñen cursos sobre o traballo cotiá do pastor e o recoñecemento social. O prestixio dalgunhas denominacións queixeiras como Idiazabal, así o avalan.