Á BEIRA DO CAMIÑO | O |
14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.DENTRO, fóra e á beira do Camiño. Dos camiños de Santiago e da vida. Abondan as historias. As que nos falan, a cotío, de violencia de xénero, de ameazas de ETA, de liortas sobre a Educación para a Cidadanía e mesmo da climatoloxía dislocada. Ollando para a Terra, tarda a calor; aprázanse os incendios e aumentan os atropelos de anciáns e os accidentes laborais. Prométennos a banda ancha para todos e todas e a redución das listas de espera na Seguridade Social, e medran os divorcios. Nisto, xa estamos á cabeza de Europa. Por outra banda, en Lugo estamos a ser testemuñas de cambios: na Deputación, e coa estrea de novos gobernos municipais, con máis oportunidades para pór en práctica unha democracia máis participada. Non obstante, abondan sinais de que hai mais présa en se repartiren poder e soldos, que en pór remedio aos problemas da vida cotiá. Ou en botar a andar, para que sexa crible, o tan cacarexado Plan de Reequilibrio Territorial da Galicia interior, o mundo das xa moi despoboadas e marxinadas terras da montaña. De Fonsagrada ao Courel, con Navia, Cervantes, As Nogais, Pedrafita e Triacastela polo medio. En case todas elas, nin cheiro a investimentos. Está ben que nos camiños de Santiago (Xacobeo/Industria) se invistan 33 millóns en obras (execución ou tramitación) e se apuren os traballos da autovía Lugo-Monforte. Ao mellor para fuxir máis axiña e rápido se non se fai algo serio para fixar a poboación.