O novo rexedor destaca as carencias de servizos, alumeado e saneamento nos núcleos rurais e espera que o Concello comece a explotar o seu potencial turístico
13 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.José Fernández Fernández é un dos tres alcaldes socialistas que están de estrea na comarca ancaresa. O rexedor de Navia de Suarna, casado e con dúas fillas, naceu en Murias de Rao hai 49 anos e acaba de deixar o seu posto en Telefónica para adicarse de cheo á alcaldía. Tras encabezar a oposición, afronta esta nova etapa coa ilusión de responder á confianza depositada nas urnas e cumplir o programa co que o seu grupo se presentou ás pasadas eleccións. -¿Como atopa o Concello nestes primeiros días de mandato? -Desgraciadamente está todo moi abandoado. Hai moitas deficiencias a nivel de alumeado, accesos e saneamentos, especialmente nos núcleos rurais. -¿Que posibilidades pensa que ten Navia? -Polo seu entorno é un lugar idóneo para explotar os recursos turísticos. Acabamos de recibir 103.000 euros do Leader para recuperar as rutas de sendeirismo e o río é un atractivo engadido, ademais dun referente. Na Asociación de Ribereños somos case catrocentos socios e, aínda que no verán vai moita calor na Puebla, un pode refrescarse cun baño. -¿Ten prevista xa algunha actuación? -Estamos a estudar o PXOM, que levaba moito parado para sacalo adiante e aprobalo o antes posible. Por outro, lado temos comprometidas coa Consellería de Ordenación Territorial a reforma da praza do Concello, que inclúe o derrubamento do edificio que acolleu a sastrería, hoxe propiedade da Deputación, co obxectivo de ampliala. Ademais eliminaranse tódalas barreiras arquitectónicas, que supoñen a fonte e os bancos, situados a distinto nivel da praza. No mesmo proxecto van tamén as reformas da rúa Esteban Bilbao e da praza Pumarega. -O ano pasado Navia sufriu o incendio máis devastador da provincia, ¿estase a actuar contra o lume dende o Concello? -Temos en Navia varias patrullas do Exército que están a realizar labores de vixiancia e nós estamos a colaborar na medida do posible. Imos comprar un tractor para facer pequenas obras e desbroces, e un camión de incendios para o que Medio Rural aportará 90.000 euros, dos 186.000 que custa. A este camión acoplarémoslle unha cuña quitaneves, unha motobomba e un cazo. -¿E a estrada Becerreá Navia? -Nestes momentos é a obra que máis me preocupa. E a entrada natural e ademais ten importancia porque nos comunica con Cervantes. Este ano vaise licitar o tramo Becerreá-San Martín e imos traballar para que o resto do trazado, que está en proxecto, salga adiante o antes posible.