Ten 39 anos e releva no cargo a Francisco Cacharro Pardo, un dos políticos máis veteranos de Galicia. Di que traballará en clave de futuro e explica os seus primeiros obxectivos.
13 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? acordo acadado na tarde de onte entre o PSOE e o BNG posibilita que este mediodía sexa investido presidente da Deputación Provincial de Lugo. O socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro (39 anos, casado e con dous fillos) relevará no cargo ao popular Francisco Cacharro Pardo, que estivo a fronte da institución durante vintecatro anos. -Estreouse na política en 1999, da man do alcalde Xosé López Orozco. Unha carreira rápida... -Empecei en 1999 sen experiencia activa de goberno, pero cun forte compromiso político e moitísima ilusión. Esta é unha fase máis, distinta á do Concello pero moi orientada aos concellos. Sigo coa mesma ilusión de estar ao servizo da vida municipal, doutra maneira, pero coa mesma responsabilidade e sabendo que un non é perfecto e que chega a unha institución que leva moitos anos funcionando. -Supoño que estes últimos días estudou como está o ambiente na Deputación... -Tampouco houbo moito tempo. Estivemos nun proceso de negociación, houbo o último pleno do mandato na Deputación, a preparación da toma de posesión, etcétera. Houbo, si, algunha conversa co presidente saínte, sobre cuestións puntuais, recordos sobre a evolución histórica da Deputación, o canon enerxético, etcétera. Durante vintecinco anos, que se di pronto, houbo unha forma de facer as cousas, e agora faranse de xeito distinto e a xente xulgará se é mellor ou peor. -¿Revolverá moito nos papeis, mirará moito cara atrás? -Un político que chega ten que pensar no seu proxecto, para levalo adiante cun grupo de deputados. Non debe ter visión revisionista nin personalista; ten que mirar cara ao futuro, poñer en marcha o seu proxecto. Ten que haber cambio, facer as cousas de xeito distinto, porque, como se viu o 27 de maio, á xente non lle gustaba como se facían as cousas na Deputación. O que toca é afrontar o futuro. Non me gusta prexulgar o que se vai facer, pero a vocación é mirar cara adiante, non quero perder nin un minuto mirando cara atrás. -¿Por onde empezará? -Non se pode intentar abarcar todo nin nun día, nin nun mes. Hai cuestións moi importantes que hai que abordar de maneira decidida. Por exemplo, hai que ver cómo se resolve a débeda histórica do canon enerxético para Chantada, haberá que ver cómo se fai cos hospitais (creo que a vontade dos cidadáns é que se leven a través dun servizo público único galego), etcétera. Hai que ver cómo se pode axudar aos concellos e cómo ser complementarios coa Xunta en materia de solo industrial.