
En directo | Unha tarde familiar e moi lírica As palabras de Xesús Mato e a lírica voz de Noemí Mazoy foron as principais estrelas dun acto que dirixiu Xulio Xiz e celebraba o 128 aniversario do nacemento do Orfeón Lucense
07 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Baixo o lema A música e a vida celebrouse antonte un dos actos de conmemoración do 128 aniversario do primeiro Orfeón Lucense e os 25 do Orfeón. Foi unha reunión «familiar» que ateigou o salón de actos da Fundación Caixa Galicia. A ocasión ben pagaba a pena, xa que os asistentes puideron escoitar á cantante de ópera e zarzuela Noemí Mazoy, ademais de reflexionar canda os comentarios ofrecidos polo crego e musicólogo Xesús Mato, ambos dirixidos pola viva batuta de Xulio Xiz, presidente da institución homenaxeada. Coas reservas naturais de cando algo non está aínda pechado, Noemí adiantou que o seu próximo proxecto será ofrecer unha serie de concertos ao longo do Camiño de Santiago. Nese senso, dixo contar xa co apoio do xerente do Xacobeo, Rodríguez Eguibar, que se atopaba no público e foi o encargado de entregarlle un dos agasallos á cantante. Tamén se lle concedeu outro a Sinesio Pérez, responsable da obra social de Caixa Galicia, entidade que colabora co Orfeón. Emocionada ata as bágoas nalgún momento, Noemí contou que estaba vencellada ao Orfeón dende os 18 anos, anque contou que xa dende moi nova cantaba no asilo de anciáns co seu pai, que tocaba o violín. «Nacín nun fogar con alma musical onde todos tiñamos afán pola música», salientou. Relacionado con isto, Xesús Mato trouxo á memoria dos presentes que ao mesmo tempo que se traballaba, antes tamén se cantaba. «Os labradores araban cantando», concluíu. Coa morriña pola terra Malia a residir en Madrid, Noemí non perdeu relación coa súa terra, pola que dixo sentir morriña. «Sempre estou pensando en volver a Lugo», confesou. E Xiz recordou que cada ano viña a Lugo para ofrecer o concerto de Nadal, un evento «nacido por e para o meu pai», lembrou ela alegando que principiou trala morte do seu devanceiro. A cantante, que se define versátil, amosouse moi xenerosa ao atender todas as peticións musicais formuladas polo moderador. Recitou un poema de José Trapero Pardo e despois abraiou aos propios compañeiros interpretando Naiciña dos Ollos Grandes , unha peza que, segundo detallou, interpretaba Sabeliña diante dun cruceiro. Con Lela e Negra sombra demostrou que o ramo de flores que Berta lle entregou ao remate do acto estaba ben merecido.