«O auditorio de Vilalba está durmido»

La Voz

LUGO

PALACIOS

NÚMERO 2 DO BNG DE VILALBA

18 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Son de Ramil, unha parroquia do concello de Castro de Rei. Teño 49 anos e levo 10 vivindo en Vilalba; arestora vivo en Sancobade. Son mestra no CEIP Terra Chá, de Román. Son titora do grupo de quinto de Primaria e dou clases de Música a todo o colexio. Dei clases en Ponteareas, Mondariz, Tui, Vigo, O Pindo (Carnota) e Cee antes de vir á Terra Chá. Elixín o ensino por vocación. A música gústame moito; de feito, teño estudos de Conservatorio en piano e guitarra, aínda que pouco de cada unha das especialidades. Gústame toda a música: a folk, a clásica... Gústame bailar: levo tres anos indo a clases de bailes de salón; e tamén me gusta ler, pasear... ¿Por que estou en política? Estou en política para que Vilalba avance. Se non estivese aquí non podería axudar a mellorar. Estou para facer algo por Vilalba. En actividades para rapaces penso que se deberían facer máis cousas: por exemplo, as escolas deportivas non funcionan como deberían. En deportes parece que todo vai en función do fútbol, e habería que encamiñar as cousas cara a outras actividades. Habería que mellorar as actividades culturais porque o auditorio está durmido. Hai que potenciar o Conservatorio para darlle máis pulo do que ten. Gustaríame tamén que houbese unha escola de música para que a xente practicase algún instrumento sen presión, sen estar condicionado por unha nota.