En directo | Paseo literario en homenaxe a María Mariño Mestres e alumnos do colexio María Auxiliadora, concelleiros socialistas e xente de a pé leron textos e fixeron un percorrido por Lugo na xornada dedicada á poeta de Noia
17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Reivindicando a lingua e a cultura galegas e homenaxeando a figura de María Mariño, medio cento de persoas participaron onte nun paseo literario en conmemoración do Día das Letras Galegas. A marcha ía encabezada pola concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e o responsable de Ágora Cultural, José Blázquez, organizadores deste acto, que se vén celebrando de xeito consecutivo dende hai seis anos. O punto de partida elixido como inicio deste paseo literario foi a praza Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa do Concello, xusto a carón da estatua do escritor lugués máis recoñecido: Ánxel Fole. Alí, logo da presentación oficial do acto a cargo de Burgo e Blázquez, Vania e Carlota, alumnas do colexio María Auxiliadora, leron un texto sobre a vida de María Mariño e un poema desta autora que naceu en Noia e faleceu no Courel. O percorrido continuou pola rúa San Pedro coa lectura de novos textos da poeta homenaxeada, que foron lidos, entre outros, polos concelleiros socialistas Francisco Fernández Liñares e José Piñeiro, e por máis alumnos e tamén mestras do colexio María Auxiliadora. Tanto dende a organización como entre as persoas participantes no paseo literario quíxoselle dar especial relevancia ao feito de que o Día das Letras Galegas deste ano estivese dedicado a unha muller e por iso non só se leron poemas de María Mariño, senón tamén doutras destacadas escritoras galegas, como o Negra sombra , de Rosalía de Castro, que se escoitou xusto ao pé do acceso á Muralla por Campo Castelo. No paseo polo adarve continuaron as lecturas ata chegar á altura da Porta Santiago e da praza Pío XII, onde rematou o percorrido cunha escenificación teatral sobre a vida e a obra de María Mariño, titulada Letra Viva e creada especialmente para este día pola compañía Palimoco, encabezada por Paloma Lugilde, que xa interviñera ao longo do paseo recitando e cantando algunhas das composicións seleccionadas.