? proposta de Lage (BNG) para o casco histórico foi: «Primeiro hai que seguir coa rehabilitación. E despois co uso residencial, que é necesario recuperar. Se nós gobernamos, a revisión do Pepri sería inmediata nada máis tomar posesión. Tamén propoñemos unha mesa de diálogo de arqueoloxía para axilizar as escavacións no recinto histórico. O pepri correu o mesmo resultado có PXOM: moitas veces anunciados e nunca executados». García Díez (PP): «Cando miro para tras vexo moita luz. A renovación que comezamos nós e que foi unha gran aposta, ten que rematar, e quédalle pouco. Hai que modificar o Pepri para que se poidan desenvolver esas unidades. E temos un gran proxecto que é a construción da cidade dos oficios, para que nos baixos das casas haxa un taller tradicional: dar cursos a xóvenes e desenrolar un sistema de premios anuais mediante unha fundación»: Orozco (PSOE): «Estoulle agradecido a Fraga porque escoitou unha petición do consello económico e social e destinou 2.500 millóns das antigas pesetas para a rehabilitación de vivendas na zona do rúa do Miño e Tinería. Todo o centro histórico está agora recuperado, aínda que houbo zonas como Campo Castelo, Nóreas ou Progreso que non se fixeron ben cando eu aínda non gobernaba e que as tivemos que facer de novo. Crearemos o consorcio da arqueoloxía, xa temos o modelo, no que estarán Concello, propietarios e Consellería. Así, os traballos arqueolóxicos non gravarán exclusivamente aos cidadáns».