Crónica | Venancio Vázquez, fundador do primeiro Centro Gallego de Madrid
05 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O 5 de maio de 1902 tivo lugar a sesión inaugural da sociedade Centro Gallego de Madrid do que era presidente don Eduardo Vicenti, nun acto no que dona Emilia Pardo Bazán pronunciou un sonado discurso. Na mesa presidencial figurou nun lugar destacado un sarriao, don Venancio Vázquez López, Deputado a Cortes por Madrid, sobriño de don Matías López López e, como el, destacado industrial chocolateiro. A razón de ocupar un lugar de honra en tan sinalado acto foi que don Venancio Vázquez fora presidente dun primeiro Centro Gallego en Madrid, que gozou de pouca vida e fortuna, mais que pola súa calidade de pioneiro e sementador da idea asociativa era recordado pola súa colonia galega. Por ese motivo foi convidado a intervir no acto inaugural da nova institución benéfica e asociativa. Despois das intervencións de don Baldomero Lois, secretario, e de don Waldo A. Insua, vicepresidente, concedéuselle a palabra ao ilustre sarriao, de quen gardamos pouca memoria malia a que, desde Madrid, foi sempre un decidido valedor para os intereses da súa comarca natal, e iso que toda a súa actividade política se desenvolveu na Vila e Corte. Foi moi breve: «Todos recordaredes que fun o primeiro presidente do primeiro Centro Gallego de Madrid, e hoxe nun podería durmir tranquilo se non saudase ao novo e non o felicitase polo seu traballo para chegar a esta fermosa realidade, ao meu querido amigo o celoso e entusiasta deputado galego Eduardo Vicenti e ao xornalista da miña terra, campión desta idea, Baldomero Lois, o noso secretario». «Somo en Madrid os máis: o que loita chega, e é necesario que os 60.000 galegos que constituímos a colonia nesta corte amosemos a nosa unión para sermos útiles ao país a a nós mesmos. Lástima que nesta festa non se achen presentes tódolos senadores e deputados galegos, mais se nos abandonan, tanto pior para eles. O Centro Galego, perseverando nos propósitos que nos expuxo na súa memoria o señor secretario, constituirá unha grande forza, e entón xa veremos como acoden a el os que non viñeron».