En directo | Etnografía lucense Xosé María Gómez Vilabella presentou en Sargadelos o seu último libro titulado «As feiras de Castroverde no século XX»
16 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde foi a encargada de presentar na Galería Sargadelos o libro As feiras de Castroverde no século XX , cuxo autor é Xosé María Gómez Vilabella. O escritor estivo acompañado por Manuel Muñiz, presidente da asociación, Rodríguez Eguibar, director do Xacobeo, e o xornalista Carlos Vázquez que, aproveitando diversos aspectos recollidos neste traballo, relatou vivencias escoitadas ao seu propio avó, un ferreiro que ía espalmar o ferro e o aceiro ao mazo de Goi, despois de atravesar a pé a distancia que separa a Láncara de Castroverde. Gómez Vilabella comezou a súa elaborada exposición referíndose ás feiras como algo inherente á nosa civilización. «Arrancan do Paraíso Terreal», argumentou o tamén artífice de Historias intra da bisbarra , para ao pouco exclamar Do ut des , que traducido do romano sería douche para que me deas. O autor aludiu a que a ciencia do troco recollérona os romanos e chegou ata a nosa época, presa das comunicacións como internet, telefonía sen fíos e outras maneiras de mercantilismo vestidas dunha «auctoritas real pero invisible», salientou o estudioso. Na primeira parte do libro emprega a poesía para repasar a esencia dunha feira achegada, a da súa Castroverde. Xa en narrativa, ao longo da obra tamén se fala dos artesáns que tiñan que ir ás feiras para vender os seus productos. Sen embargo, Vilabella alertou que «das feiras en plural estamos pasando ao singular», xustamente neste mundo máis universal anque máis individualista e afirmou que das comarcais pasamos á feira globalizante. «A vida é unha feira convertida nun intercambio a ritmo de progresión xeométrica», sinalou o escritor, zoqueiro e directivo xubilado de banca. Referíndose ao Camiño de Santiago como vieiro de cultura e prosperidade, lembrou as súa experiencia no Aaiún, onde puido conversar cos tuaregs que baixaban ao Congo e retornaban por Mauritania ou collían cara a Alxer e Tunicia. Facendo un paralelismo con nós, aparte do rezo, dixo, había unha motivación económica detrás, cuxo protagonista eran as feiras onde paraban. A conclusión de Gómez villabella foi que xa quedou anticuado falar como antano da feira segundo nos foi nela. No sucesivo, dixo, haberá que «falar da feira segundo e como actuemos nela». E referíndose a este evento como un patrimonio, repetiu o dito por Enriqueta Otero: «Moito é o recibido, así que moito hai que conservar».