Crónica | Meiriños, correxedores e alcaldes de Sarria No ano 995 tense a primeira constancia documental dun representante do poder real en Larín, hoxe parroquia de Láncara, chamado Froila Vimaraz
30 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O forte vencello que a Terra de Sarria tivo, primeiro coa Casa Real e andando o tempo cos condes de Lemos e Trastamara, así como a abondosa documentación do Tombo de Samos, permítenos coñecer o nome de moitos dos meiriños reais ou polo Conde, xustizas maiores, correxedores e alcaldes que, nun principio na vila real de Larín (o vello burgo de Sarria) e despois na Vilanova de Sarria ou A Pobra de Sarria, na Fortaleza ata derredor de 1730, administraron xustiza e foron o elo inicial de relacións administrativas e de goberno. Con grandes saltos no tempo, e con lagoas froito do escaso tempo dispoñible para unha sistematización dos datos recollidos en notas, achamos a máis antiga referencia aos meiriños reais en Larín, hoxe parroquia de Láncara, en Froila Vímaraz (ano 995), e a Eita Goseniz (1082), Bernardo (1902), Ero Pelaiz (1074), o moi favorecido por dona Urraca Ero Armentáriz (1089) e Fernando Zazoniz (1112). Despois da fundación de Vilanova de Sarria, nos anos finais do século XII e xa no burgo novo aparecen Pelagio Carvallo (1236) e Gonsalvo Fernández (1416). Xa sendo vila vencellada aos condes de Lemos (aínda que o condado de Sarria podía estar noutras mans, como por caso na dos condes de Trastamara na Pobra de Sarria, cabeza das Cinco Pobras, aparecen como xustizas maiores: Galaor Osorio, Men da Ribeira (1480), o duro meiriño que manu militari ordenou aos vasalos a reconstrución da Fortaleza, Álvaro González de Ribadeneira, coñecido como Mariscal, e Alonso de Pomareda (1498). Intervencionismo O intervencionismo dos Reis Católicos impuxo unha reforma no goberno de concellos e xurisdicións de Sarria. Pasou a haber un correxedor de nomeamento real, asistido por un rexedor primeiro de nomeamento do conde de Lemos e Sarria e outro de elección do común dos veciños, asistido por un xuiz de orfos e un procurador xeral, cargos estes de elección en cada un ano. Coñécense os nomes de Francisco de Novas Rubias (1518), Bartolomeu Fernández (1521), Gregorio López (1521), Álvaro Saco (1526), Rui Nunes de Sarria (1534); Gómez Ares de Páramo, Xoán de Torres (1548), Gonzalo Blanes de Cervela, Rodrigo de Yebra (1568) o que lle correspondeu a asistencia armada para desaloxar do mosteiro da Madalena ao prior frei Álvaro de Sarria; Fernandares de Rubián (1572), Pedro López de Ronfe (1582), Bernardo de Torres (1588) cumpridor testamentario de don Dinís de Castro e Portugal para a creación do Hospital do Santo Antón Abade de Sarria, Xoán López do Barrio (1592) o licenciado Pígara e Aguiar (1612) con bens forais en Goián, o licenciado Pedro Vaca de Vega (1627, 1644-51) cabaleiro do hábito de Santiago, o capitán Xoán Rodríguez Dacal (1640), Diego Portillo (1664), Baltasar de Espinosa (1668), Diego de Hureta (1668), Diego de Lemos (1675), señor do Castelo dos Infantes, Francisco de Solís (1694 e 1704) que tratou de esclarecer as enrevesadas contas do Hospital de San Lázaro e acabou marchando casa América, Francisco Antonio de Saavedra e Figueroa (1706) da Casa Grande de Sarria, Matías Pardo (1710), Fadrique de Losada Ribadeneira (17119 da casa de San Sadruniño de Froián, Diego Portillo (1720); Plácido Ventura Sarmiento Castro (1723) da casa de Perros, Xoán Manuel de Armesto Taboada (1725) señor de Trebolle do Páramo, Manuel de Armesto (1734), Martín Carlos de Guitián (1737), o capitán Bernardo Rivera Quiroga (1760/61) da casa de Vilasante en Fontao, Francisco de Armesto Taboada Trebolle (1763), Xosé Lamela Freijo Guitián (1766/68), Manuel Hiebra Bermúdez (1766) da casa de Láncara, Andrés Cedrón (1783 e de 1788/90) da casa de Vilapedre, Francisco Méndez Novoa (1787/88), Manuel Xosé de Camba Taboada (1792, 1794 e 1818) da casa de Ronfe, Francisco Antonio de Camba Taboada (17999, Xoán Rodríguez Bermúdez (1800), Benito Losada (1809) morto nas Gándaras de Piñeira en Montore nun enfrontamento armado contra os invasores franceses. Ata 1811 fíxose cargo do goberno local o rexedor Agustín López de Silva e finalmente Xoán María Ventosinos. En próximas crónicas haberá que falar do labor desempeñado por aqueles alcaldes que fixeron entrar a vila na modernidade, da man das ideas liberais, nunha comarca convulsa pola pobreza, as levas militares e os golpes de man das partidas carlistas. Eran tempos difíciles.