Santa Bárbara está presente

Xesús Mato CREGO

LUGO

CARLOS RUEDA

Tradicións lucenses | Relixiosidade na Montaña Mañá lémbrase en varias parroquias do Courel e de Pedrafita, onde hai numerosas capelas co seu nome, a figura dunha muller que morreu mártir

02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde hai moitos anos, polo 4 de decembro («Pola Santa Bárbara, neve nas montañas») os cristiáns, sobre todo labregos (tamén homes de armas e oficios coma fogueteiros, armeiros, bombeiros, mineiros, mariñeiros, campaneiros... e na Idade Media construtores e arquitectos) manifestaron a gran devoción a Santa Bárbara como gran intercesora e defensora contra as tormentas, raios e tronos, faíscas, incendios... (As tormentas e terremotos son frecuentes nestas terras altas da montaña por estar nunha zona sísmica co epicentro en Guilfrei-Becerreá). Na reforma do Calendario do Vaticano II, publicada o 9 de maio do 1969, foi suprimida a festa «por considerar que as actas do seu martirio son pura fábula». Había que purificala. A Igrexa segue a recoñecela pero liberada de apaños. Morreu mártir, no século III, despois de se converter á fe cristiá e tivo dificultades por mor de seu pai. A lenda dourada (libro lendario de Jacobus de Voragine do século XII) embarullou a historia cunha ringleira de milagres e feitos fantasmagóricos e novelescos que nunca foron probados nin aprobados. Moita fantasía e incrible e innecesaria violencia. ¡Historia e lendas mal mesturadas, non casan: fan estragos! A devoción a Santa Bárbara segue enraizada nesta xente sinxela da montaña. O trato con ela e cos outros santos/as é directo. Con eivas e senso utilitario da fe («¡douche ou prométoche para que me deas ou devolvas!») que reflicte o dito «Santa Rita, o que se da non se quita!»). A distribución das seis capelas que gardan as imaxes das «Santas Bárbaras» en Pedrafita e O Courel é práctica. Desde as abas e medias alturas (a liña das vías romanas e camiños reais) das serras do Oribio e o Rañadoiro (por riba dos 1.400 metros) a Santa Bárbara protexe persoas, animais e vales que alimentan os ríos e regatos. Polo oeste, nas abas do Oribio, vixía a Santa Bárbara de Lampazas (a máis elevada, a medio camiño Samos/Lóuzara) e a Santa Bárbara da Carqueixeda (no val, entre Lóuzara/O Poio). Polo sur/oeste, a de Pedrafita do Courel (Lóuzara/O Courel). Polo norte/este, ao pé do Faro, Capeloso e O Cebreiro, a de Rubiais (a das minas romanas e de Exminesa, pechada no 1989). Polo centro/sur as Santas Bárbaras de Rabaceira e de Valdefariña, abrindo e pechando as abas das beiras baixas da serra central e regalando as súas augas aos ríos Navia, Lor, Lóuzara e Valcarce, coas súas fontes na Serra do Rañadoiro. Ollen o mapa do municipio de Pedrafita e darán fe desta certeira blindaxe. Difícil marcar lindes. Aos devotos montañeses non lles importa saber (menos diferenciar) os feitos/historia das lendas/tradicións. Viven confiados en que a santa está á súa beira, con eles, sete que lles axuda, rézanlle a diario («non só cando trona») e sacan a súa imaxe á porta da capela cando ameaza o trono, a tormenta ou os terremotos. Incluso teñen disputa por cal das «santas» é a máis «potente e avogosa». Velaí un dito dos de Teixeira no que implican ao seu patrón e á Virxe de Meiraos. Contan que un día lle oíron ao pai Trono dicirlle ao seu fillo: «Mira fillo: Aforra alento / levamos as de perder; non esgotes máis o tempo / que aquí non hai que facer». E concreta aínda máis: «En Meiraos, a Capeluda/ o Carrizo, en Teixeira; na Carqueixeda, a Barbuda /... aquí non facemos feira!». Conveñen en que é certo. Así é a súa fe/confianza. Velaí a fusión natural (integración) da historia coas lendas/tradicións. Sen libros de texto obrigatorios ou técnicas especiais. Remato co dito de tradición oral (abonda polo mundo) e dedico aos lectores: «Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita: garda o pan, garda o viño, garda a xente do camiño».