Tradicións | O traxe galego A vestimenta de festa habitual da muller tiña sete pezas, ademais do calzado, e a do home compoñíana nove, incluídas as polainas, pero as variantes eran moitas
25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O traxe tradicional da muller estaba composto por sete pezas e o do home por dúas máis, partes que en xeral se mantíñan independentemente de que tipo de vestimenta se tratase, segundo aclara Clodio González Pérez no seu libro Historia do traxe galego . Á marxe das variantes introducidas en cada zona e co paso do tempo, a maiores había complementos como a capa no dos homes. Comezando pola cabeza en orde descendente, a indumentaria feminina incluía a cofia, o dengue, a camisa, o mandil, o manteo, o refaixo e a enagua. No caso do home, as pezas básicas e máis comúns eran, seguindo a mesma orde descendente, a monteira, a chaqueta, o chaleco, a camisa, a faixa, o pano, o calzón, as cirolas e as polainas. No das mulleres, a cofia era unha touca de encaixe, liño fino, tule, muselina ou bordados brancos, suxeito á cabeza cunha fita de seda. Substituíuna o pano da cabeza, que é a única peza que aínda conservan hoxe algunhas mulleres maiores. O dengue tiña unha feitura semellante a unha esclavina ou capa pequena, colocado sobre os ombros con puntas cruzadas sobre o peito e atadas por detrás. A camisa podía ser dunha peza ou de dúas, pero neste caso a parte superior era de mellor lenzo porque estaba á vista. Tiña variantes, como a chambra, semellante á blusa actual. O mandil era común a calquera clase de traxe, variando a forma, o tamaño, o tecido e, sobre todo, a ornamentación. O mantelo era unha faldra aberta por detrás, coma un amplo mandil, considerado desde sempre como unha das pezas máis elegantes, polo que era exclusivo do traxe das festas e dos actos importantes. O refaixo era a faldra que ía sobre a roupa interior, a camisa e as enaguas, facendo xogo co xustillo. O tecido do que estaba feito variaba segundo se tratase da vestimenta de traballo ou dos días de festa. Segundo sinala Clodio González, estaba considerada unha prenda interior pero tamén se contaba entre as exteriores. A enagua, a última do traxe de garda, tomado como base, era unha peza de denominación americana, tamén coñecida como baixeira. No caso do traxe do home, como pasaba co da muller, as variantes e pezas complementarias eran moitas. A monteira, por exemplo podía ser de moitas cores e de distinto número de puntas; desde as que eran un simple casquete ata as altas e rematadas con plumas. A camiña adoitaba ser de estopa ou de liño; no tecido do chaleco influía moito o gusto e os posibles do dono, en tanto que a chaqueta era entallada e curta a de garda, moi distinta da de traballo, de tecido moito peor. A faixa daba dúas voltas á cintura en todos os casos, pero cambiaban os adornos e o tecido segundo o uso que tivesen. O calzón orixinariamente era frouxo, rematando coas perneiras sotas ou en bombacho, e as cirolas habías de dous tipos, as que ían por debaixo do calzón e as que se levaban sen el.