Expertos de Galicia e foráneos debaten dende hoxe sobre a situación destas institucións O noveno Coloquio Galego de Museos inaugúrase esta mañá no Provincial de Lugo
25 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?epresentantes de museos de toda Galicia, doutras comunidades e países, arquitectos, arqueólogos e outros profesionais participan en Lugo dende esta mañá ata o sábado no noveno Coloquio Galego de Museos. Celébrase no Provincial, organizado por esta institución, polo Consello Galego de Museos e pola Deputación, co patrocinio da Consellería de Cultura. En total serán presentadas dez ponencias e unha ducia de comunicacións, ademais de coloquios. Tamén haberá tres visitas culturais, unha esta tarde polo Lugo romano; outra mañá, ás termas e a San Paio de Narla, e a terceira será o sábado ao Museo de Viladonga. Esta primeira xornada leva por lema O espazo arquitectónico dos museos . As sesións de traballo comezan ás nove e media da mañá coa entrega da documentación. Os relatores son o arquitecto Fernando Agrasar Quiroga, que falará sobre a arquitectura dos museos en Galicia; Manuel Mosquera Cobián, do de Belas Artes da Coruña, que disertará sobre A aportación dos novos espazos aos discursos museográficos en Galicia; Josep María Montaner, arquitecto, que o fará sobre Os museos do século XXI . Cambios tipolóxicos e novas relacións cos visitantes , e José Antonio Falcão, da Casa dos Patudos, intervén sobre Novas experiencias en Portugal . As comunicacións da tarde estarán a cargo de Eduardo Ramil Rego, do Museo de Prehistoria de Vilalba, que presenta Espazos e discurso expositivo no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba , e de Pilar Barciela, Francisco Miguel e Andrea Serodio, que falarán do Museo Municipal Quiñones de León, de Vigo. Tomás Fernández presentará a comunicación O espazo cambiante. As salas de exposición temporal no Museo de Belas Artes da Coruña; Ana Gómez falará da Casa-Museo Bonsor de Mairena de Alcor, en Sevilla; Xulia Santiso e Patricia Amil, da de Emilia Pardo Bazán, e Vicente Peña falará do Pedagóxico de Galicia . Guggenheim A segunda xornada estará dedicada a Os museos no espazo e no territorio , coas intervencións como relatores de Xosé Carlos Valle Pérez, sobre o Museo de Pontevedra; Encarna Lago González, que falará da xestión do Museo Provincial de Lugo e da rede provincial de museos, e Enrique Alcorta, que presentará unha ponencia sobre Os xacementos urbanos en Lugo e a súa musealización . As comunicacións estarán a cargo de Juan Ignacio Vidarte, do Guggenheim de Bilbao; de Germain Viatte, do Quai Branly de París; de María Xosé Fernández, do Museo do Pobo Galego, e de Pablo Carrera, do Museo do Mar de Galicia. O sábado falarán de Os espazos funcionais dos museos Francisco Fariña Busto, do Arqueolóxico Provincial de Ourense e Núria Rafael Fontanals, do de Arqueología de Catalunya. As comunicacións da última xornada correrán a cargo de José Antonio Lasheras, do Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira, e de Jorge Parra, do Etnolóxico de Ribadavia. A mediodía leranse as conclusións.