TRIBUNA | O |
26 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUEN di que unha sociedade non está moi sa cando que en poucos anos foi capaz de crear, xestionar ou soportar mareas negras, vacas tolas, enchufismo nas administracións, pelotazos urbanísticos, incendiarios do monte, entrada e distribución de todo tipo de drogas, agresións medio ambientais, mocións de censura e «cambios de chaquetas» e un longo etcétera de barbaridades. Tamén, hai que dicilo para non caer na depresión de país subdesenvolvido, no berce de Mozart, Beethoven, Goethe e Lang saíu algo chamado nazismo. Toda esta introdución vén a conto da polémica montada pola denuncia do PP dun vertedoiro de terras que hai en San Cibrao, preto do Camiño Primitivo, ese que o Xacobeo se encarga de vendernos por todos os medios, chegando a organizar magníficos congresos e publicacións de gran nivel. Así vexo os feitos: 1) O PP de Lugo, no 2006, denuncia un vertedoiro en San Cibrao, onde non queda claro se hai alguén que se está a lucrar no asunto, pero si se pode comprobar que pasan a diario decenas de camións pola zona e xunto ao Camiño Primitivo. 2) O PSOE que goberna Lugo, no 2006, di que o goberno do PSOE-BNG no ano 2000 acordou depositar «temporalmente» na zona o material natural de escavacións. 3) Política Territorial, no 2003, cando era levada pola Xunta do PP, recibiu documentación da Policía Autonómica que obrigou ao Concello a paralizar o vertedoiro. Aí quedou o asunto. 4) Política Territorial, agora con conselleira do PSOE, estuda alternativas para depositar estas terras. 5) Consellería de Innovación, agora levada polo BNG, terá algo que dicir no asunto. ¿A que lles sona todo isto? A min a pase da pelota, ausencia de responsabilidades e falta de seriedade. ¿Cal será a próxima polémica sobre as culpas? Seguro que pronto.