Das xiras daqueles ao lecer destes

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

24 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

OS MAIORES son importantes. Ao mellor non teñen quen os limpe ou lles faga as cousas, pero namentres que poidan ir a comer e despois votar... Por iso, se cadra, se lles organizan xantares, un aquí e outro acolá. Fano todos os que mandan, coidadiño. Agora ben, non se queira comparar o que facían uns co que agora fan outros. ¡Que va!, non hai nin punto de comparación. Os xantares que organizaban os do Partido Popular, eran comidas partidistas onde entre prato e prato se lles sinalaba aos maiores cal debía ser o sentido do seu voto, dicían algúns que agora visten, e fan ben, con gravata. Amais de que, naturalmente, quen presidía o acto multitudinario era o ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga. Pero querer comparar iso e aqueloutro co que hogano fan os cargos do Bloque, como aconteceu antonte na área fluvial de Vilalba, é querer rabuñar nos nacionalistas. ¡Claro que si! Porque antes denominábanse xiras e agora chámaselles dun xeito moito máis longo e tamén máis patrimonialista: Lecer para os Nosos Maiores. ¡Manda carballo ao que chegamos, eh! Claro que, por sorte, maiores hainos, pouco aproveitados para a sociedade, en todas partes. Anque aquí, iso si, son os Anxo Quintana, Fernando Blanco e Antón Losada quen neste intre convidan á unha mesa onde, curiosamente, xa non sentan nin Manuel Fraga nin Francisco Cacharro. E iso que maiores xa van sendo, non é? En paga deles fano, pola contra, outros deputados e alcaldes do Partido Popular, anque algúns poida que levaran canda eles a mazaroca do millo esa que decidirá se se presentan ou non ás próximas eleccións. Si, si, porque a vida dá moitas voltas. ¡Moitas! A mágoa é que a maioría vaian e veñan, como di a canción das ondiñas. Porque cambiarán os nomes e algunha que outra cousiña, pero ao final, como vemos, o que manda, manda e fai pouco menos igual có que mandaba na etapa anterior en Galicia. redac.lugo@lavoz.es