Reportaxe | Conservación do patrimonio gráfico Un DVD recolle máis de 1.600 fotografías tomadas na capital do municipio entre os séculos XIX e XX, recopiladas por José Losada coa axuda de numerosos veciños
04 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?o Círculo Saviñao foi presentado onte o DVD O vello Escairón. Un paseo polo noso pasado , que recolle máis de 1.600 fotografías tomadas na localidade entre os séculos XIX e XX. A recopilación e a edición das imaxes foi feita na súa maior parte por José Losada, un afeccionado á fotografía natural da localidade que reside en Canarias desde hai 31 anos e que disfruta actualmente da súa xubilación despois de traballar na banca durante case catro décadas. Unha parte das fotografías, en torno a trescentas, xa foran recollidas polo Círculo Saviñao con motivo dunha exposición organizada hai dezaoito anos. As imaxes recopiladas por Losada son na súa grande maioría de carácter familiar e foron cedidas na súa totalidade por veciños de Escairón. A poboación da diáspora tamén fixo unha importante achega a este arquivo histórico. «Fun a todas as casas da vila a pedirlle a xente que me deixase as súas fotos familiares para reproducilas e tamén escribín unhas catrocentas cartas a xente de Escairón que vive noutros lugares, incluso no estranxeiro», explica José Losada. «Tanto os que viven en Escairón como os que residen fóra colaboraron dunha forma extraordinaria», engade. A idea de realizar este arquivo fotográfico local ocourreuselle a Losada, segundo explica, dando un paseo por Escairón no mes de novembro. «Nas rúas non se vía unha alma e deime conta deo moito que se reducira a nosa poboación, da moita xente que tivo que ir vivir e traballar fóra. Entón pensei facer algo para conservar a memoria da xente que viviu aquí», conta o recopilador. Os documentos gráficos reunidos en O vello Escairón abranguen desde o ano 1873 ata o 2000 e dan testemuño, por tanto, das moitas transformacións sociais, económicas e culturais experimentadas na vida local durante este longo período histórico. O DVD, do que se editaron trescentos exemplares, só recolle unha parte das fotografías que logrou reunir José Losada. O extenso arquivo formado coa axuda dos veciños comprende arredor de 4.500 fotografías. O responsable da recopilación proxecta ir editando tamén o material gráfico que non foi incluído neste primeiro disco. «Pero tamén penso seguir recollendo vellas fotografías», advirte.