Entrevista | Peter Schneider
11 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? exposición que pode verse ata o 29 na Casa da Administración de Sargadelos é unha caixa chea de sorpresas, fotografías artísticas onde o autor quixo reflectir o ambiente máxico e místico que imprimen os castros, quizais a súa «alma». A mostra orixinal está composta de medio cento de imaxes, aínda que para Sargadelos se limitaron a 20 «por temas de espazo», explica o autor alemán, afincado en Lugo. «A fotografía quere espazo. Na pintura podes xuntar cadros pero na fotografía queda máis elegante separado, sobre todo cando é branco e negro», di. Esa é a cor da súa obra. Na técnica de O país dos mil castros, engade, «utilicei material con infravermellos de alta calidade; ten unha visibilidade máis ampla ca nosa vista». -¿Un proceso complexo? -É moi distinto a outros. Necesitei un filtro. Utilizaba un invisible. Tiña que elixir primeiro a imaxe, meter o filtro e xa non podía cambiar de encadre. Foi como un traballo dos fotógrafos antigos. -¿Levoulle tempo conseguir este resultado? -En Santa Tegra necesitei dous días para conseguir como máximo 20 imaxes. E se quería conseguir ese espírito de medio abandono e místico non podía ir cando había xente nos castros. -¿Como fixo a elección dos castros para o traballo? -Felipe Arias, do castro de Viladonga botoume unha man. Co seu apoio fixen unha selección pero sempre visitando os castros. Foi un traballo con moito sentimento e emocional. A elección foi pola primeira impresión, algo así como unha corazoada. -¿Que quixo transmitir? -A cultura castrexa ten máis preguntas que respostas. Sabemos moi pouco. Quería captar imaxes que deixaran espazo para a imaxinación.