TRIBUNA | O |
05 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ANTONTE, 4 de xullo do 2006, o Parlamento Europeo recoñeceu que a Dictadura Franquista fora imposta polas armas e contraria ao estado de Dereito. Aprobouse unha proposta do grupo socialista de condea ao levantamento militar do 18 de Xullo comandado polo xeneral rebelde Francisco Franco. Votaron en contra da proposta os representantes do grupo Popular. ¿Será que quen cala outorga? Paseaba eu por Bueu, pola súa fermosa campiña. Nun alto, está a igrexa de San Martiño .No adro tres cruceiros representando a Cristo entre os dous ladróns semellantes aos que en Bretaña acostuma a haber nas igrexiñas das aldeas. Os cruceiros forman un balcón para disfrutar da fermosa vista desde o alto. Os veciños e veciñas estaban a limpar a igrexa toda como se fose un barco. Na súa fachada principal pódese ler unha lista de nomes de homes, baixo unha cruz. No fin dise : Presentes. Estiven tentada a preguntarlle ao párroco onde estaban os nomes dos outros homes, os do outro bando. Aos que os foran procurar ás suas casas e apareceron tirados polas cunetas a mans das envexas e dos que non estaban dispostos a perderen os seus privilexios de clase, dos enemigos da pluralidade e do estado de dereito. Existen listados de nomes caídos por Dios e por España , na igrexa de Cela, na de Cangas, e en tantas outras por toda Galiza. Particularmente nas capeliñas de pedra repartidas pola nosa costa. A igrexa non debería tomar partido, debería ser iso que di eclesia , o lar e refuxo de todos os fegreses. Máis en Galiza non é asi. Esas inscripcións terían que ter desaparecido. Vendo a xente traballar na igrexa non puiden menos que pensar se, no caso de rebelión coma a do 36, cales daqueles figurarían na lista de caídos e cales estarían condeados ao esquecemento. Nesta Galiza fícanos aínda moitas inxustizas que reparar.