Animais moi pouco comúns

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO

Reportaxe | Redutos da biodiversidade na provincia As terras do sur lucense contan cunha ampla representación de moitas das especies catalogadas entre as máis raras e vulnerables da fauna galega

05 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UN ROEDOR ESCASO. O leirón rilón (lirón gris en castelán), unha especie rara e vulnerable que está presente na serras do Courel e dos Ancares, nunha ilustración do estudo A natureza ameazada. ?s territorios do sur lucense que están incluídas nas zonas protexidas pola Rede Natura concentran unha importante representación das especies animais consideradas en Galicia como raras, vulnerables ou en perigo de extinción. Para certas especies, o sur lucense é ademais un dos escasos redutos con que contan hoxe en territorio galego. Entre os casos máis singulares da zona, segundo o recente estudo A natureza ameazada , publicado polo Consello da Cultura Galega, destaca o do morcego rabudo ( Tadarida teniotis ), unha especie rara e vulnerable detectada unicamente na Serra do Courel e pouco coñecida no conxunto de España. É unha das máis escasas das dezasete especies de morcegos coñecidas en Galicia. No Courel parece estar tamén un dos últimos redutos galegos do bufo real ( Bubo bubo ). Os ornitólogos tiñan localizada en tempos recentes unha única parella nesta zona, da que só se coñecen algúns puntos de nidificación no sur de Ourense. Distínguese tamén pola súa extrema rareza -aínda que non é mencionada no referido estudo- a libélula Macromia splendens , que vive tan só en determinados tramos dalgúns ríos galegos, entre eles o Cabe, e en certas áreas restrinxidas de Portugal, Andalucía, Estremadura e o sur de Franza. Outra especie pouco común é a víbora fociñuda ( Vipera latastei ), cuxa presenza se rexistrou na Serra de Pena Redonda -no Incio- e nalgúns puntos das montañas de Ourense. O sur da provincia parece ser tamén un dos poucos refuxios galegos do sapo de esporóns ( Pelobates cultripes ), xunto con algunhas localidades ourensás e coa Illa de Arousa. Especies acuáticas Os ríos da zona sur albergan por outro lado varias especies pouco frecuentes, pero máis estendidas que as anteriores polo conxunto do territorio da comunidade. Unha delas é o mexillón de río ( Margaritifera margarifera ), un molusco de auga doce presente no Cabe e o Asma. Outra é a saramaganta ( Chioglossa lusitanica ), unha pequena salamandra exclusiva de Galicia e do norte de Portugal que habita preferentemente en arroios de paraxes montañosas. No cursos de auga da zona está tamén presente o raro mamífero acuático coñecido en galego como furapresas, auganeiro ou rato de almiscre e en castelán como desmán de los Pirineos ( Galemys pirenaicus ). As montañas do Courel e dos Ancares, por outra parte, comparten diversas especies catalogadas actualmente como raras ou vulnerables. É o caso do leirón rilón ( Glis glis ), o gato bravo ( Felis silvestris ), a marta ( Martes martes ) ou a lagartixa da serra ( Lacerta monticola ). No catálogo local de especies escasas ocupan un importante espazo as aves, dado que a zona posúe unha especial riqueza no que se refire á avifauna, sobre todo a Serra do Courel. Neste aspecto destacan paxaros como o ferreiriño palustre ( Parus palustris ) -que ten no Courel e nos Ancares os seus únicos redutos en Galicia-, a pica papuda ( Anthus campestris ), a pica patinegra ( Anthus spinoletta ) e o peto formigueiro ( Jynx torquilla ), e especies rapaces como a águia cobreira ( Circaetus gallicus ), a gatafornela ( Circus cyaneus ), o miñato negro ( Milvus migrans ) e o miñato abelleiro ( Pernis apivorus ). Sen esquecer a perdiz charrela e a avefría, que contan na zona con pequenas poboacións.