Crónica | Recoñecemento á tarea literaria do escritor chairego
18 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O departamento de Cultura do Concello de Ferrol manifestou publicamente a súa felicitación ao escritor chairego Darío Xohán Cabana polo seu ingreso na Real Academia Galega, que terá lugar na Coruña o vindeiro sábado. Darío Xohán Cabana foi o primeiro gañador do premio Letras de Bretaña e é un autor intimamente vencellado á cidade ferrolá por lazos literarios e de afecto. Segundo un comunicado emitido polo concelleiro de Cultura ferrolán, José Manuel Couce Fraguela, a concellería entende que a chegada de Darío Xohán Cabana á Academia «acontece cando a venerable institución que preside o profesor Xosé Ramón Barreiro cumpre un século e ten unha especial significación». Segundo Couce, Cabana representa o mellor da nosa tradición literaria e, como gañador da primeira edición do premio Letras da Bretaña «simboliza a vocación atlántica da nosa literatura, da dun territorio que ten as súas capitais en Ferrol e en Mondoñedo, e que deu autores fundamentais nas letras de Europa, como Gonzalo Torrente Ballester e Álvaro Cunqueiro». Ano do centenario O concelleiro ferrolán asegurou que a entrada de Darío Xohán Cabana na Real Academia Galega no ano do centenario «vén vencellar para sempre a súa figura, tamén, á do ferrolán Fontenla Leal, verdadeiro impulsor do nacemento de dita institución, ademais de promotor de iniciativas tan importantes como o Himno Galego».