DESDE EL ADARVE
18 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SE APLICAMOS a idea de que as boas novas nunca son novas merecentes de interese, poucos asuntos serán máis interesantes ca os vencellados coa gandería e os gandeiros. Doenzas de animais, problemas de baixos prezos no leite, fortes investimentos en mellora de granxas que agora corren perigo porque non se gaña para aforrar.... Semella que a tranquila vida do campo xa só queda nas páxinas dos poetas e que na realidade foi substituída por unhas circunstancias normais, coas súas vantaxes e inconvenientes. O que non sei se pasou xa á historia ou aínda queda nalgúns cerebros é a idea de que no campo sobra xente. ¿Só no campo? ¿Non sobran cargos públicos, asesores e técnicos variados? Se os labregos teñen que ser empresarios, que decidan eles o seu futuro, e o que estea libre de ter recibido algunha subvención que lance a primeira pedra.