«Voltar»

| SUSO VARELA |

LUGO

DESDE EL ADARVE

16 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO un circula pola A-6 pódense ver os paneis informativos que nos anuncian as incidencias da autoestrada ou nos piden prudencia. E fano en castelán mai en galego. O problema radica en que no noso idioma non sempre atinan co termo correcto, e así podemos ler: «Voltar é o importante». Seguro que volver á casa é importante, pero quizais tamén o sexa empregar adecuadamente o galego en todos os ámbitos. Erros como este son moi habituais noutras situacións, como cando un se achega a un centro público e pode ler auténticas xoias. A ninguén se lle ocorrería pór nun letreiro palabras en castelán como azmisión , administracción , hurgencias ou inpreso . Pero no galego, non pasa nada se vemos voltar en vez de volver, mediciña por medicina, turno por quenda, camilla por padiola ou escalón por chanzo. Moito falta para normalizar a lingua galega e para aplicar o plano aprobado o pasado ano no Parlamento, aínda que algúns se empeñen en dicir que o galego se quere impor ao castelán. Creo que a cuestión non se resolve só con empregar o noso idioma, é necesario usalo correctamente.