Mal seca e pouca seca

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

07 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A VERDADE é que o tempo non está axudando moito para curar a carne. Pero nada disto é novo. Aquí mesmamente un que escribe cambiou moitas veces de sitio o caldeiro de lles facer lume aos chourizos e mais á carne. Era tarefa que tiña encomendada namentres que os meus traballaban e non houbera colexio, claro. Era un cativo e lembro as advertencias de que non fora queimarme, mais algunha vez tocoume por xogares co gancho e o caldeiro por baixo das varas dos chourizos. Daquela a penas había televisión, nin internet nin os videoxogos... Os reis traían outras cousas. O caso é que despois de facer os chourizos, até curar ben a matanza, todos os días había que coller unhas esteliñas e facer o lume. Mais había veces, neses días de néboa ou que o ceo marmallada, a carne balorecía igual. Anda que non poucas veces vin eu á miña avoa limpar chourizo a chourizo e des que acaba, a carne toda. Así que poida que se daquela houbera os secadoiros de hoxe... ¡Ca! A boas horas había deixar ela que lle marcharan coa matanza da casa. ¡Si ho! Pero está ben, sen embargo, que xa a xente perdera ese medo e en paga de facer fume, haxa hoxe quen queira seguir matando na casa pero non poña reparo a secar os xamóns nun destes secadoiros. Que disque hainos moi bos na comarca da Terra Chá, alí onde da matanza falou en verso Manuel María. O problema e que agora, segundo vén de denunciar o Sindicato Labrego Galego, a carne procedente da matanza tradicional non ten permitido entrar nestas salas de curación. É de obriga legal que a carne veña dos matadoiros, ao parecer por cuestión da sanidade. Hai que telo en conta, pero ¿non haberá outro amaño? Porque a xente xa ten pouca gana de pasar traballos. E se queremos que siga habendo matanzas tradicionais.