O tren sen estrela

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

29 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

PÍDENSE desculpas e naturalmente cómpre atendelas. Alomenos hai quen as dá. Foi nesta ocasión o presidente de Renfe, quen se escusou pola avaría do tren Estrela Galicia. Nel ían, por certo, moitos lucenses que regresaban logo de pasar acó o Nadal. Mal nome, aquel, se con iso se pretende dar unha imaxe (positiva) de Galicia. Que o dubido moito, porque anda que non habían levar que dicir os pasaxeiros condenados a pasar varias horas sen luz nin calefacción, non si? O caso é que o mandamáis da Renfe, logo do algo tardeiro, aduciu que a culpa desta e outras avarías estaba motivada pola desastrosa situación na que andan os ferrocarrís. Cousa que debeu ver logo de tomar posesión do cargo. Porque dixo que a causa do mal causado é o abandono en que deixou á Renfe o anterior Goberno. Pois é raro, porque como mellor se fai patria é vertebrando todo o territorio nacional, non é? En fin..., xa todos sabemos do atraso dos nosos trens, do incómodos e lentos que son e dos servizos tan ruíns que ofrecen. Aínda así, tivo que ser o Prestige quen lle metera présa ás distintas administracións e mesmo puxera luz na maioría da sociedade civil. Si. Porque se Aznar andou atarefado con Bush, González tamén mirou máis por Andalucía, que para algo era a súa terra e por riba a súa xente dáballe moitos votos. Claro que daquela aínda os galegos andabamos a construír paseniño as dúas autovías que á fin nos unen co resto do Estado español. Pero, no que ao tren se refire, seguimos como nos anos 50. Polo tanto, até aí son aceptables as desculpas, no do atraso. Non é de recibo, pola contra, que diante do acontecido no se tomaran outro tipo de decisións. A tan só uns quilómetros de León púidose facer unha evacuación dos pasaxeiros. Autobuses ten Renfe. Unha mágoa. A ver se non se repite.