NO OUTEIRO | O |
23 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.AS CAUSAS que motivan os atropelos son moi variables. Unhas veces é só por culpa do condutor e noutras ocasións é, pola contra, o viandante quen non pon todo o coidado ou cruza cando e por onde non debera. Mais non sempre adoita ocorrer deste xeito. Malia que os atropelos son habituais en todas partes, se hai uns días producíase un na rolda da Muralla -neste caso nun paso de peóns cara á Porta Falsa-, a comezos de mes era un matrimonio maior o atropelado na avenida das Fontiñas, fronte ao instituto San Xillao. Tan só unhas datas antes outro peón era atropelado na avenida de Ramón Ferreiro, de novo diante dun instituto, o da Virxe dos Ollos Grandes. Así que polo que parece nin sequera nos pasos de peóns nin que sexa diante das saídas dos colexios se atravesa seguro. Póñase máis coidado e tamén máis medios. Pero non só o centro da cidade é lugar de atropelos. Ocorre igualmente ás beirarrúas das estradas como, por exemplo, a N-VI. Tamén nela son frecuentes os atropelos. Alí mesmo por baixo da zona universitaria, onde hai tan só unhas datas se atropelaba a alguén, vin esta pasada fin de semana varias situacións non moi ben pensadas. Era xa á noitiña e sen ningún distintivo rechamante na roupa, camiñaban ás escuras dúas persoas. Unha delas sen deixar de mirar cara aos coches. E máis adiante, xa por tras do Balneario, dous atletas corrían en paralelo á beira da estrada nacional. Os coches pasaban rente deles pero só un levaba algo distintivo na roupa. Outras veces nin iso, pois todos temos visto á xente que atravesa dun ao outro lado do paseo do Miño sen nada que os faga visibles na escuridade desa zona. Por certo, o concelleiro de Infraestruturas vén de afirmar que o Ministerio axiña contratará as obras do alumeado dese treito da N-VI até Garabolos. ¡A ver se vai desta!