O da relixión na rúa

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

18 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A LEI da reforma educativa non só percorre as rúas. Tamén se debate. O domingo pasado, logo de saíres os cativos da misa e do catecismo, a mai dunha nena insinuáballe ao pai doutra se ía mandala á clase de relixión. Desentendéndose do asunto, o pai descargou toda a responsabilidade na cativa. ¿É o máis atinado? Non o parece. Tampouco o é, dende logo, elaborar reformas educativas que non conten cun amplo consenso. E nin esta de agora parece telo nin tampouco tivo tal -se acaso inda moito menos- a que pretendeu levar adiante o PP cando gobernaba. Por certo, o que foi ministro de Educación con Aznar, Mariano Rajoy, que agora tanto pide polo diálogo, era entón membro dun Goberno que lonxe de amosar unha migalla polo pan do consenso, o que pretendeu foi meter con calzador a reforma que somentes eles aplaudían. Así pois, cando teñan a ben, os uns e os outros, sería bo que comezaran a lexislar leis educativas menos efémeras. Pero non. Máis cedo ca tarde hase volver a enfrontar á sociedade. Como agora. Ás veces vertendo mentiras, como nesta ocasión fixeron algúns canda a presenza física ou moral dos bispos, cada vez máis lonxe do púlpito. Porque se diga o que se diga, a LOE, que debera xulgarse por máis cousas ca esta, alén das pretensións laicas duns, no que atinxe á materia de relixión en absoluto queda posta en perigo nas escolas e centros educativos. Ningún dos alumnos que desexen estudala han ter problema para facelo. Así que non debe verse unha afronta alí onde só se dá a escoller. Asunto distinto é unha pretensión maior, pero niso a sociedade endexamais chegará ao acordo. Porén, respectando, como así queda, o dereito duns, é seguro que o mesmo respecto merecen os que non desexan que o seus reciban unha educación relixiosa, alomenos de xeito obrigatorio e na escola.