«O patrimonio que non se coñece é como se non existise»»

Xosé María Palacios vilalba

LUGO

Testemuño | Manuel Felpeto

28 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Anxo Felpeto volveu onte a Guitiriz. A viaxe non lle resulta allea, pois as súas orixes están neste concello chairego. Pero a estadía valeulle para visitar outra vez a pena Xiloi, un lugar da parroquia de Santo Estevo de Parga que coñeceu hai 15 anos e no que onte, como arqueólogo, deu explicacións aos asistentes ao congreso sobre historia da Terra Chá organizado pola Fundación Manuel María e unha asociación, Xermolos, que é case un emblema de Guitiriz. O seu primeiro contacto co lugar foi o limiar dunhas excavacións que tiveron lugar en 1994 e que permitiron atopar restos de máis de 9.000 anos de antigüidade. Felpeto non cre que a arqueoloxía sexa un luxo senón máis ben unha necesidade: «É un método necesario para o estudo do patrimonio cultural», di. Pero ese estudo non é un círculo pechado; máis ben semella un traballo feito por e para a sociedade que vive nese territorio, xa que a necesidade de estudalo é para el semellante á importancia de divulgalo ante a xente como algo que tamén lle pertence. «Se non se coñece e non se divulga ese patrimonio, é como se non existise. O patrimonio, por moitos xacementos que haxa, non existe mentres o público non o coñeza e non o sinta como propio», di. Felpeto afirma que ata agora o patrimonio quedaba algo lonxe da xente, que dese xeito non o vía como algo de seu. O cambio na maneira de velo coincide tamén con outros cambios sociais cos que a pena Xiloi e outros elementos se converten en posibles destinos dun turismo que se interesa pola historia. «Se se consegue artellar, entre as administracións e outras institucións, un sistema que permita coñecer o patrimonio, haberá moito gañado e a conservación será mellor», pronostica. O congreso remata hoxe. Pola mañá, na Casa das palabras de Guitiriz, o profesor Xosé Vázquez Varela fala sobre etnografía chairega; e pola tarde, no castro de Viladonga, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, expón asuntos da romanización na comarca.