Entrevista | Miguel Vázquez Calvo Despois de 17 anos fóra do cargo, o delegado centra a súa preocupación na precariedade laboral que acusa Lugo
24 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Miguel Vázquez Calvo tomou onte posesión oficial do seu novo cargo ao frente da Delegación Provincial de Traballo. Logo de 17 anos, Vázquez Calvo regresa da man do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, para ocupar o posto que desempeñara durante o goberno tripartito, un ano antes da chegada de Fraga á Xunta. -¿Como vive esta nova etapa? -Para min esta etapa non é nova porque hai 17 anos xa tiven a honra de ser delegado de Traballo co goberno tripartito. Agora, polo tanto, vou retomar aquelas funcións, aínda que bastante máis ampliadas que naquela etapa. -¿Como viviu a xornada da toma oficial de posesión celebrada onte? -Foi un momento moi agradable para min, tendo ao meu lado ao conselleiro para trazar as liñas dos proxectos futuros. De calquera forma, foi un acto moi sobrio. O importante agora é o traballo en si, por eso levo desde o venres facéndome cargo, aínda que onte fora a toma de posesión. -¿De que maneira pensa que cambiou esta consellería ao longo dos 17 anos trancorridos? -Houbo bastante cambio porque daquela eran moi poucas as transferencias do goberno central á Xunta de Galicia, así que o traballo era cuantitativamente menor. Hai 17 anos, a consellería chamábase de Traballo e Benestar Social, mentres que agora céntrase só no tema de traballo e, aínda así, conta cun volume maior de competencias e, polo tanto, cunhas responsabilidades moito máis grandes. -Nesta nova etapa, ¿por onde van a comezar a actuar en materia de traballo? -Tomando terra. Vendo que temas pendentes hai para que o administrado non atope ningún lapsus nos seus dereitos de recibir información, de tramitación de expedientes e, sobre todo, levando ao día todo o que está tramitando. Tomando contacto coa nova realidade e coa nova forma de traballar, porque como se di tradicionalmente: cada maestrillo tiene su librillo . Eso sí, tomando contacto sen tomar decisións todavía importantes. Nese senso, admito que a prudencia é unha das cousas que ten que ter o administrador para que o administrado esté ben atendido. -En canto a esa nova realidade, ¿cales son as cuestións máis preocupantes en canto á provincia de Lugo? -As preocupacións que temos na provincia de Lugo penso que son as xeralizadas no resto de Galicia e mesmo de España. É a preocupación polo emprego, aspecto que en Lugo se agudiza porque a situación laboral non é a que todos desexariamos. Hai moita precariedade laboral e moi poucos postos de traballo. Ademais, está marchando da provincia lucense xente moi cualificada que se está formando aquí e logo ten que desprazarse a outras cidades. Desde a Delegación Provincial de Traballo, centrarémonos na creación de emprego en cantidade, calidade e seguridade. En canto á mellora dos postos de traballo xa existentes na provincia, trataremos de favorecer as relacións cos sindicatos, patronal e demais axentes sociais, para conseguir que a precariedade laboral sexa menor.