Cando o mundo é pequeno

| XOSÉ MARÍA PALACIOS |

LUGO

DESDE EL ADARVE

16 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI VARIOS anos, durante unha visita a un museo de Italia, un amigo meu atopou un matrimonio que vive preto da súa casa. Cada vez saímos máis ao estranxeiro, pero a un non deixa de causarlle sorpresa que un de Mondoñedo coincida con outra xente de Mondoñedo a varios milleiros de quilómetros da súa casa. O mundo, polo que se ve, é cada vez máis pequeno. Viaxamos máis, aínda que, non o esquezamos, somos o mesmo país dos afiadores ou dos que emigraban ao outro lado do Atlántico ou máis alá de Pedrafita; e todo o que ocorra en calquera lugar do mundo, xa que logo, ten máis probabilidade de afectarnos. Nun martes de agosto, despois dunha longa ponte e no comezo dunha semana que para moitos será máis curta, a noticia do accidente dun helicóptero militar en Afganistán tócanos de preto coa morte de xente de aquí. O mundo, pequeno ou grande, ten esas cousas.