«Transmitir serenidade é unha constante na miña obra»

Lucía Peña LUGO

LUGO

Entrevista | Luis López «Gabú» A Biblioteca Provincial acolle dende onte unha mostra da súa obra, que ten a súa esencia na muller africana e na ansia por transmitir serenidade

09 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

As continuas viaxes a países africanos, Haití ou Brasil conseguiron enganchalo ás cores e ás imaxes máis oscuras das súas culturas. Luis López «Gabú» presentou na Biblioteca Provincial de Lugo parte do seu traballo pictórico, baixo o título de Territorios . -¿Cal é a esencia da mostra exposta en Lugo? -É unha influencia da luz de África, tanto na obra abstracta, baseada en esencias, como na figurativa, centrada nunha homenaxe á muller africana, que é a que aguanta o continente. -¿Cal cre que é unha constante na súa obra? -Intentar buscar novas formas de expresividade, investigar. Sobre todo, trato de transmitir serenidade, algo que debería importar na sociedade e atópase algo esquecida. Parte das obras son froito da miña investigación en África, continente no que estuven en sete ocasións desde finais dos anos 90, época de guerras civís e de moitas tensións. Tamén estuven no Amazonas e en Haití, estudando a maxia negra e o vudú. -¿En que proxectos traballa actualmente? -Estou preparando unha exposición que presentarei no Museo Granell de Santiago o mes de abril do ano que ven. A mostra titúlase O Camiño Negro de Santiago e é o resultado dun traballo fotográfico de cinco anos en Haití, no que vinculo a maxia negra e o vudú á figura de Santiago Matamoros. Nesa mostra céntrome na maxia negra que fan os bruxos. Agora traballo na pintura, aproveitando que no verán secan antes as piezas. En octubro emprenderei de novo as viaxes. -¿Como definiría a súa traxectoria? -É como se foras a unhas olimpiadas. Non se pode entrenar moi forte durante un tempo e abandonar un mes antes da competición. Pois aquí é o mesmo. O meu traballo foi longo. Nas anteriores viaxes non puiden facer tódalas fotografías que quixen, porque me centrei en conseguir que os bruxos me permitiran achegarme ás súas cerimonias. Agora teño que volver para rematar a miña labor.