Bailes e o son do tabaco

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

01 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HOUBO QUEN colleu a empanada, fixo unhas tortillas e decidiu pasar o día escoitando e bailando coa música galega. Alí na praia fluvial onda o río Chamoso, no Corgo. Un lugar ao ar libre onde a bo seguro ninguén se había sentir amolado polo fume dos puros, «puriños» e cigarros. E onde, por certo, os non fumadores tamén se habían ver liberados do tufo. Inda que o cheiro é o de menos se temos en conta os datos. Segundo un estudo da Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago, cada día morren dez galegos por enfermidades asociadas ao tabaco. Debera dar medo. Ben é verdade que si, que de algo hai que morrer porque para aló imos ir todos. Cousa esta que lle gusta ben proferir a un amigo meu. Fumador empedernido, claro. Cada vez que toca falar disto, axiña apura a dicir que aínda son peores os accidentes de coche. Que matan a máis xente có tabaco, engade. Por aí andará, si. Dende logo tampouco é un tema para esquecer. Trinta máis na chamada «operación saída». De saída ou chegada, que sexa para ben e no recordo os cantos e sons da ledicia. E nunca mellor dito tendo encomezado polo novo pero xa entrañable festival de Música Galega. redac.lugo@lavoz.es