NO OUTEIRO | O |
05 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ATERECIDO quedou un amigo meu cando viu saír do comedor dun afamado restaurante de Lugo a un cliente seu que lle debe cartos. Non é esta unha circunstancia casual nin sequera un feito illado. Ao parecer este tipo de individuos, morosos para segundo que cousas, non só abonda polas nosas bisbarras senón que vai en aumento. Explicábame este amigo, que polo visto ten que privarse de certas cousas que lle gustaría só porque ten clientes que non pagan ou non o fan como deberan. Comprende que ás veces haxa quen se poida ver nun apuro, pero non atura situacións como a relatada ao comezo desta columna. Di el: «A min tamén me gusta o marisco pero téñome que privar del máis do que quixer porque, entre outras razóns, hai tipos coma ese que me deben unha morea de cartos». Non se comprende, acabaría sentenciando el. E leva razón, pois semella que hai xente que fai marabillas cos cartos á hora de pagar certos vicios (algúns incluso daniños) pero, a mesma, non fai o mesmo esforzo naquilo que debera ser considerado en primeiro lugar. Así que, aínda recuperándose da impresión, o meu amigo veu a pedir, de broma logo xa, que se fixera unha lista dos que acostuman a deixar a deber por sistema.